O eucalipto favorece a expansión dos incendios en Ponte Caldelas e Pontevedra

Incendio forestal en Ponte Caldelas esta madrugada. (Foto: Andrés Díaz).

O fogo comezado na tarde de onte na parroquia pontevedresa de Canicouva xa queimou máis de 120 hectáreas de monte entre Ponte Caldelas e Pontevedra.

A veciñanza de Ponte Caldelas e Pontevedra pasou unha noite moi dura pola proximidade do lume aos núcleos de poboación e pola rápida expansión do mesmo como consecuencia das masivas plantacións de eucaliptos.

O concelleiro delegado para Canicouva no equipo de Goberno de Pontevedra, Raimundo Carballo, cualificou a noite como “de calma máis que tensa” e significou que “durante toda a noite  a maioría dos veciños non puideron durmir porque salta as muxicas e se non hai control aparecen de seguido novos fogos”.

Carballo sinala Nós Diario  que “o tempo de reacción das brigadas sempre é excesivo porque se non atacas o lume ao comezo despois dificúltase moito apagalo”. Neste sentido, os propios brigadistas veñen denunciando desde hai anos este feito, criticando que un avión tarde máis dunha hora en poder operar en calquera incendio polos traballos de posta a punto previos.

Carballo significa que “mentres non se cambie o modelo e o tipo de cultivo non hai solución”. A este respecto, comenta que “durante a noite a totalidade das persoas que estivemos no lume de Canicouva tíñamos claro que ou se vai a outro cultivo que non sexa o eucalipto ou non hai que facer”. Neste sentido, advirte da rapidez da transmisión das lapas neste tipo de árbores.

Ponte Caldelas é outro dous puntos quentes deste incendio. O alcalde da localidade, Andrés Díaz, recoñecía na súas redes sociais que “está sendo unha noite moi dura” e sinalaba as dificultades na zona de Cristo Rei e na área do monte de Baltar. Na maña, de hoxe continuáronse cos traballos en ámbitos especialmente afectados desta localidade.