O eucalipto colonizou 5.000 hectáreas de superficie agraria útil só nestes dous anos

Os ambientalistas denuncian que  unha “interpretación torticeira” da Lei de Montes e ao desleixo de Medio Rural propician que centos de hectáreas agrícolas están virando en eucaliptais.

 O eucalipto está a colonizar centos de hectáreas de superficie agraria útil. Unha ‘conquista’ que chega a través do paso dos cultivos a pasteiros e de aí finalmente eucaliptais, denuncia Adega. E iso embora que o artigo 61 das Lei de Montes establece severos condicionantes para o paso de uso agrícola a forestal. Mais, que é o que acontece? Pois que, explica Adega,  os servizos centrais da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal fan unha interpretación que o pastoreo no que  todos os terreos "pastables" son forestais e, portanto, susceptíbeis de seren plantados, mesmo con eucaliptos.

“Malia a resultar evidente que a Lei de Montes só regulamenta o aproveitamento de pastos en terreos forestais como un máis dos moitos usos do monte, e a que tamén hai pastos en terreos agrícolas, os responsábeis da consellaría consideran torticeiramente que "todo pasteiro é monte", denuncia a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega).

Esta interpretación está a permitir, indican, a forestación “mais ou menos encoberta de terreos agrícolas”, que pasan de cultivos a pasteiros e finalmente a eucaliptais, sen sequera verse afectados polos condicionantes do artigo 61 (forestación de terras agrícolas), entre os que está a obriga de plantar en exclusiva frondosas autóctonas.

Isto tradúcese directamente na perda de superficie agraria útil, convertida agora en plantíos de eucaliptos: por volta dunhas 5000 hectáreas só nos dous últimos anos. En total, e segundo Unións Agrarias, son 30.000 as hectáreas de terras agrarias que ocupa esta especie en Galiza.