O eucalipto coloniza máis de 30.000 hectáreas de terras agrarias en Galiza

O país perdeu 5% da súa superficie agraria entre 2013 e 2016

 

O eucalipto coloniza cada vez máis superficie no país. Camiño da omnipresencia, esta especie acumula desde hai anos cada vez máis voces en contra, desde colectivos ambientalistas e defensores doutro modelo de monte para Galiza até organismo do propio goberno, como o  Comité Científico de Medio Ambiente que o cualificou como “especie invasora”.

 

Porén, o gobernó galego valora que o eualipto pase ocupar 38.000 hectáreas máis até 2038.  A superficie do eucalipto aumentou en 65% no noso país entre 2001 e 2017 e xa se achega as 310.000 hectáreas, o que é moi superior á superficie prevista para esta especie que  Plan Forestal de Galiza de 1992 se fixaba para o 2023 (245.000 Has).

 

A isto engádese que en Galiza hai por volta de 30.000 hectáreas de eucaliptos en terras agrarias, segundo entidades e organización como Unións Agrarias. Galiza perde cada vez máis superficie agraria, unha perda cunhas consecuencias a curto, medio e longo prazo non só sobre o territorio, mais tamén no desenvolvemento e futuro do país. Dados do Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que do 2013 ao 2016, Galiza perdeu 34.000 hectáreas, máis de 5% da súa superficie agraria total e a metade da superficie agrícola útil que se perdeu no conxunto do Estado español.

 

Desde 1985 e até hai uns anos en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil ( Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). En Galiza a superficie agraria últil non chega ao 25% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa.