Un eucaliptal na Muralla de Lugo

Adega, Cultura do País e Mariña Patrimonio denunciarán a destrución de xacementos arqueolóxicos no marco do Arde Lucus.

Con motivo do Arde Lucus, a festa coa que a cidade de Lugo volta ás súas orixes castrexas e romanas, Adega, Cultura do País e Mariña Patrimonio organizan un acto de denuncia da destrución de xacementos arqueolóxicos por parte da industria forestal. 

"Procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos da industria forestal, farémolo sen pedir permiso a Patrimonio", afirman

A acción terá lugar o sábado 18 de xuño ás 13h após as 40 denuncias presentadas recentemente por dúas destas asociacións nas que recollen danos ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores derivados da explotación forestal do eucalipto (plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada...) no norte da provincia de Lugo. 

"Aproveitando a xornada de festa do Arde Lucus, na que moita xente en Lugo cambia de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador romano ou guerreiro celta, os asistentes a este acto reivindicativo na muralla converterémonos por uns momentos en axentes da industria do eucalipto. Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de “ningún xacemento sen eucaliptos”, procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos da industria forestal, farémolo sen pedir permiso a Patrimonio", explican. 

A 'plantación' desenvolverase no adarve da muralla, no tramo entre a Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital.