Ensaio de Oscar Horta

Ética contra o sufrimento dos animais

Na defensa dos animais “tenta explicar as razóns polas que respectar e defender os animais” e é un ensaio de 300 páxinas a cargo do profesor de filosofía moral da Universidade de Santiago Oscar Horta. O obxectivo confeso da obra, publicada por Axóuxere, consiste en “animar a quen o lea a pensar” sobre esas razóns “e a actuar en confianza”.

“Tan só vinte e poucos anos antes de saír este libro, alá pola metade dos anos 90, era máis ben complicado atopar persoas que estivesen implicadas activamente na causa pola fin da desconsideración e a explotación dos animais”, escribe Horta no Prólogo do seu traballo, quen constata a crecente popularidade da causa: “A defensa dos animais está a avanzar en lugares do máis diverso. E faino a un ritmo cada vez maior”.

As actitudes humanas cara aos animais “xa non son as mesmas que antes”. E, entende o profesor, existen evidencias. Exponas na Introdución de Na defensa dos animais e refírense a diferentes estudos sociolóxicos. Como aquel que, en 2015 e nos Estados Unidos, concluíu que un 32% da poboación considera “que aos animais deberían serlles recoñecidos os mesmos dereitos que aos seres humanos” e un 62%, “algunha clase protección”.

Da idea de que amplos sectores da cidadanía “opinan que non se debería ser indiferente ao que lles acontece aos animais” parte o ensaio. Que en sete capítulos ofrece motivos, razóns e argumentos para cumprilo. A crítica ao especismo, o sentimento e o sufrimento ou a explotación animal por parte dos seres humanos son algúns dos temas tratados con, segundo a editorial Axóuxere, “uso da súa fonda bagaxe filosófica e académica, sen caer nunha linguaxe especializada mais sen deixar de ser minuciosa”.

Ao cabo, di na conclusión, “os cambios ao longo da historia teñen lugar cando certas ideas e condutas antes vixentes son cuestionadas, primeiro por grupos pequenos de persoas e posteriormente por moita máis xente [...] e así será, mellor dito, así está a ser, no caso do especismo”.