Unha ética 'decorativa' en DomusVi

Alberto Núñez Feixoo, Josefina Fernández e Ana Pastor, no acto de entrega dun galardón á responsábel de DomusVi en 2016 (circulo.gal)
Representantes de asociacións de familiares e usuarias de residencias e de traballadoras e traballadores poñen en dúbida o papel do comité de ética de DomusVi. Denuncian a falta dun pronunciamento público a respecto da xestión da crise sanitaria da COVID-19 e consideran que o órgano responde á propaganda.

O comité de ética de DomusVi representa un gran descoñecido para persoas usuarias, familiares de usuarias e traballadoras do grupo, que lamentan a falla de resposta deste órgano diante das queixas formuladas nos últimos anos e que cuestionan os seus obxectivos. Persoas consultadas por Nós Diario consideran o comité un instrumento ao servizo dunha “operación de lavado de cara” ao primeiro operador de residencias do Estado español. Neste sentido, sinalan que no período anterior á pandemia avalaron a xestión da dirección de DomusVi e durante a mesma mantiveron un absoluto silencio.

“Como pantalla moi apropiada para os tempos de hoxe, resultado dunha reflexión desde a perspectiva do márketing, ben. Porén, operativamente, non serviu para nada. Todos os informes que elaborou non serviron para nada agás para dar cobertura a un grupo empresarial que desde o punto de vista ético e moral é repugnante ”, afirma, en declaracións a este medio, Paulino Campos, portavoz da Federación de Usuarios e Familiares das Residencias (REDE).

Sonia Jalda é a presidenta de Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega), unha organización profesional cunha importante presenza nos centros de maiores de DomusVi. Segundo apunta a Nós Diario, o comité de ética “é unha figura decorativa máis que existe sobre o papel, pero cuxo traballo descoñecemos. Nunca contestaron ningún escrito noso, ao igual que a empresa, o que nos obrigou a resolver os nosos problemas con ela nos xulgados. Se cadra nin se reúnen, como acontece co comité de seguridade laboral dalgunha residencia, como Ribadumia, que leva 4 anos sen xuntarse”.

'Sería bo coñecer a súa posición'

Xoán Antón Pérez Lema, asesor legal das asociacións de familiares de usuarias das residencias e avogado do colectivo de vítimas xurdido após a pandemia do coronavirus, pon de manifesto que “até hoxe descoñecía a existencia dun comité de ética en DomusVi. Sería bo que explicase cal é a súa posición diante dunha empresa que na súa memoria económica apunta a necesidade de mellorar a conta de resultados reducindo o gasto corrente”, indica o letrado, quen lembra como a compañía declara nos seus últimos resultados unha marxe de beneficio de máis de 17%.

“Eu non sabía que existía pero non me estraña, porque ten un papel decorativo. O labor dos comités éticos é manifestamente mellorábel se atendemos á opinión das especialistas en ética clínica. Ademais non se lle coñecen uns informes suficientes, calaron a boca e non responderon diante das queixas das familias das residentes e das traballadoras dos centros de maiores”, comenta a Nós Diario Francisco Vizoso, voceiro en materia de residencias do Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepem).

'Rede clientelar'

O comité de ética de DomusVi está formado maioritariamente por directivos da propia empresa. A este respecto, Pérez Lema destaca que “un comité de ética debe estar formado por persoas sen vinculación coa empresa, ao igual que acontecen cos comités asesores” e sinala que “a ollada da sociedade galega está posta neste grupo, que representa algunhas das peores prácticas nos centros de maiores”. Pola súa banda, Francisco Vizoso considera que “o feito de que sexan directivos os seus membros representa unha contradición coa independencia que debe garantir un comité ético”.

"A composición do comité reflexa a sintonía cunhas persoas da conselleira de DomusVi, Josefina Fernández, porque isto non é máis que unha ocorrencia de Josefina para darlle valor a algo que a empresa que se integra con Geriatros si que ten traballado e ela introdúceo en función dos seus intereses e incorpórao á súa rede clientelar”, indica Paulino Campos.

A presenza de persoas ben significadas da dereita galega non sorprende. “Todas son da corda de Núñez Feixoo e da conselleira delegada de DomusVi, entre eles débense moitos favores, como demostra o alto número de concesións públicas de DomusVi”, subliña Jalda.

“Teresa Cendón representa o PP de Vigo, da Galiza e a Xunta, por ser a man dereita de Corina Porro e unha persoa moi próxima a Feixoo por razóns familiares. Simboliza a íntima conexión entre o presidente galego e Josefina Fernández”, acrecenta Paulino Campos, mentres que Francisco Vizoso considera que “Barreiro Rivas, unha persoa condenada, con independencia da intención da condena, non parece a máis idónea para formar parte dun comité de ética”.

Vínculos entre Domus Vi e PP

A conexión do Partido Popular e o grupo DomusVi está fóra de toda dúbida. O apoio a esta compañía pola vía das concesións públicas durante a etapa de Manuel Fraga mais tamén de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta é unha boa mostra, alén dos integrantes do comité de ética.