A etapa de Feixoo, en imaxes (V): as políticas de residencias de maiores

Alberto Núñez Feixoo entregando a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios da Galiza a Josefina Fernández Miguélez. (Foto: Nós Diario)
A pandemia deixou ao descuberto as debilidades do sistema galego de benestar. Un modelo baseado na xestión privada da atención ás persoas maiores e dirixido aos grandes operadores do negocio da dependencia. Precisamente, as residencias dirixidas por estas compañías concentraron o maior número de mortes por coronavirus.

Josefina Fernández Miguélez foi até setembro de 2021 a conselleira delgada de DomusVi. A súa historia como directiva empresarial non se explica sen as concesións e concertos das Administracións públicas, significándose pola súa proximidade persoal e política a diversos dirixentes do Partido Popular. Unha mostra disto é a entrega en novembro de 2016 por parte do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, da Medalla de Ouro do Circulo de Empresarios da Galiza ou a defensa desde a Xunta da Galiza a Fernández Miguélez unha vez confirmada a súa vacinación irregular contra a Covid en febreiro de 2021. DomusVi é o principal grupo empresarial de centros de maiores da Galiza e do Estado.

A compañía conta con 29 estabelecementos repartidos entre Vimianzo, Compostela, Ribeira, Cabanas, Noia, Narón, A Coruña, Ferrol, Carballo, Oleiros, Vigo, Ribadumia, Lalín, Cangas, Monforte, Viveiro, Lugo, Chantada, Castro de Rei, Ourense, Bande, Larouco e Coles. Os seus principais accionistas son o fondo de investimentos británico Intermediate Capital Group e o magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel, ficando acreditada a presenza do grupo en diferentes paraísos fiscais.

Mortalidade

As residencias de DomusVi concentraron o maior número de decesos por coronavirus durante a pandemia nese tipo de centros. Os diferentes estudos elaborados por entidades privadas do ámbito da dependencia e, tamén, polas Administracións públicas sinalan que a mortalidade foi máis elevada nos centros de maiores de xestión privada que nos públicos. Sen ir máis lonxe, unha investigación elaborada pola Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Compostela para a Xunta da Galiza, con datos a 30 de xuño de 2021, indica que “a taxa de incidencia da Covid foi superior de forma significativa nos centros con titularidade privada en comparación cos centros de titularidade pública”.

As causas desta situación non se poden desligar do incumprimento por parte dos grandes operadores privados das esixencias recollidas na normativa ou nos propios convenios asinados polo Goberno galego. A este respecto, o Consello de Contas, atendendo a información fornecida polo servizos de inspección  da Consellaría de Política Social, xa denunciou en 2017 que “o número de persoas de atención directa que traballaban ese día [no da inspección] no centro non cumpre coa ratio mínima de 0,35 por usuario estabelecida” ou que “en 14 actas constan incumprimentos sobre o cadro de persoal ofertado, o que nalgúns supostos implica un incumprimento da ratio mínima de persoal de atención directa”.

A Xunta da Galiza insiste nas políticas que provocaron a alta mortalidade nas residencias galegas durante a pandemia. Neste sentido, o novo modelo de residencias impulsado pola Administración galega mantén os eixos centrais da etapa anterior e persiste en primar a xestión  privada fronte á publica.

Ao tempo, o PP tense negado a asumir as demandas das forzas da oposición e das asociacións de familiares de usuarios de residencias que esixen un cambio de rumbo. Nesa dirección, os deputados populares defenderon a Josefina Fernández Miguélez durante a súa compracencia no Parlamento da Galiza en novembro de 2020, cando se negou a asumir responsabilidades polas mortes nas súas residencias.

A situación dos centros de maiores na Galiza é a expresión do estado do modelo de benestar. Tanto é así, que o país conta con 14.902 prazas de residencias de maiores menos que as esixidas polos estándares da Organización Mundial da Saúde. Mentres este organismo aconsella 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, a Galiza só dispón de 2,83 prazas por cada 100. Así, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) sitúa Galiza á cola do Estado en prazas de residencia de carácter público, case 40 puntos por baixo da media estatal.