Un estudo vincula o eucalipto coa perda de biodiversidade en plantas e aves da Galiza

Plantación de eucaliptos (Arxina).

Unha tese doutoral, cuxas conclusións fai públicas a asociación ecoloxista Adega na sua revista, Cerna, constata a perda de biodiversidade que causa a proliferación dos monocultivos de eucalipto, especialmente en plantas e aves. Segundo fai notar, a superficie dedicada a esta especie na Galiza multiplicouse por cinco nos últimos 30 anos. 

 

 

 

"Dado que as plantacións de eucalipto seguen aumentando cada día, é crucial comprender como este masivo cambio na paisaxe está afectando á biodiversidade de cara a proporcionar información e ferramentas contrastadas para paliar ou deter o seu efecto negativo, formula Adega na súa publicación. 

O estudo, que asinan Sandra Goded , Johan Ekroos , Jesús Domínguez, Joaquín G. Azcárate , José A. Guitián e Henrik G. Smith e centrado nunha área representativa da comarca da Ulloa, compara a riqueza, abundancia e composición de especies de plantas e aves en 14 pares de parches de bosque autóctono e eucaliptais, e confirma unha riqueza de especies de ambos os dous grupos menor nos eucaliptais.

 80% da abundancia de aves forestais atopouse no estudo en bosques autóctonos, cunha medida de 100 individuos por parche autóctono, fronte a 20 por parche de eucaliptos.

Como salienta, a abundancia de aves en eucaliptais viuse enormemente reducida. Segundo describe, as especies tipicamente forestais, tanto de aves como de plantas, son as máis afectadas. "Mentres estas plantacións sigan aumentando e os bosques autóctonos non se conserven, a biodiversidade galega continuará a perderse", sostén. Nese sentido, sinala que  80% da abundancia de aves forestais atopouse no estudo en bosques autóctonos, cunha medida de 100 individuos por parche autóctono, fronte a 20 por parche de eucaliptos.

Tal e como recolle Adega, os resultados mostran  que as plantacións de eucalipto non poden albergar a biodiversidade que depende dos bosques autóctonos, xa que estas plantacións conteñen unha moi reducida riqueza e abundancia de especies de plantas e aves. Ademais,  mostra que a substitución, tanto directa como indirectamente, de bosques autóctonos por eucaliptais reduce a presenza de especies "especialistas", tanto de plantas como de aves, o que afecta de forma considerábel a especies forestais.

Segundo se advirte no traballo, tendo en conta a taxa de incremento actual deste tipo de plantacións exóticas e a fragmentación e diminución de bosques autóctonos maduros na Galiza, a perda de biodiversidade en xeral e de especies forestais en particular "podería ser irreparábel no futuro se as plantacións de eucaliptos non son eficazmente controladas e freadas e a conservación dos bosques autóctonos non é promovida".

Como fai notar Adega, os bosques autóctonos producen unha gran cantidade de servizos ecosistémicos, que van desde a subxección do solo e prevención da erosión, a retención da auga, a prevención de inundacións e desbordamentos de ríos, a regulación da temperatura e a creación de nubes de chuvia, a prevención de incendios, a produción de osíxeno, a produción de humus que forma o solo fértil, a produción de madeira, produtos alimenticios e cogomelos ou a presenza de biodiversidade.

"A cultura dun pobo baséase e está intimamente ligada coa súa paisaxe", estabelece a entidade, que defende que "a cultura galega non pode ser desvinculada dos hábitats e especies cos que interactuou durante milenios e cuxo legado patrimonial se está vendo gravemente afectado". "Se as paisaxes autóctonas galegas desaparecen, desaparece a cultura", alerta.