Non hai risco de contaxio

Un estudo detecta material xenético da Covid no ecosistema costeiro

Mariscadoras de Vilanova traballando no Nadal de 2020 (Foto: Cedida).

Un estudo desenvolvido por investigadoras e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e por integrantes da Confraría de Pescadores de Miño detectou indicios de presenza de material xenético da covid-19 en especies do ecosistema da costa galega, aínda que residual e sen risco de contaxio.

A presenza de SARS-CoV-2 en feces de pacientes infectados e, por tanto, nas augas residuais, chamou a atención dos autores da investigación sobre unha posíbel vía de transmisión fecal-oral desta enfermidade e a contaminación do medio ambiente a través das augas fecais.

Para investigar a posíbel presenza do virus no medio mariño, entre maio e xullo de 2020 analizáronse 12 mostras de sedimentos e 12 mostras de ameixa en dous estuarios galegos, "xa que os moluscos bivalvos teñen unha longa historia como vectores de transmisión de virus entéricos" -presentes nas feces-, indican as e os investigadores nun comunicado enviado aos medios.

Nove mostras de ameixa e tres de sedimento

De acordo cos investigadores, o ARN viral detectouse en nove mostras de ameixa e en tres mostras de sedimento. Só catro das nove mostras foron positivas para dúas rexións albo e os sinais de ARN desapareceron no ensaio de viabilidade.

"Considérase que esta é a primeira detección de ARN do SARS-CoV-2 nun organismo mariño e demostra que os virións do virus ou, polo menos, o seu ARN, poden alcanzar as augas costeiras", sinalan os responsábeis da investigación.

Un estado "non infeccioso"

Destacan que os resultados suxiren "un estado non infeccioso do virus" e un alto grao de degradación do seu ácido nucleico, "o que implica un risco practicamente nulo de adquirir a Covid-19 a través do consumo de moluscos".

"Propomos profundar máis no estudo da posíbel persistencia nos sistemas acuáticos, e no uso de organismos mariños como sentinelas de contaminación fecal humana en ambientes costeiros", afirma o grupo investigador.

Estas e outras conclusións sobre o estudo foron presentadas no 2º Congreso Estatal de Covid-19, que decorre de maneira telemática entre o 12 e o 16 de abril.