Un estudo da USC vincula o consumo de produtos cárnicos con infeccións urinarias en humanos

Imaxe da bacteria 'E. coli' (Foto: USDA).

Científicas e científicos da Facultade de Veterinaria desenvolveron unha investigación con cepas da bacteria Escherichia coli.

Investigadoras e investigadores de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con equipos de científicos da Universidade de Copenhague e o Hospital Central de Asturias, sinalan a unha posíbel relación entre a inxestión de produtos de orixe animal e a transmisión de infeccións bacterianas aos seres humanos.

O estudo, publicado na revista One Health, contempla unha exhaustiva comparativa entre os comportamentos in vitro de adhesión e invasión en células de vexiga humana de cepas de Escherichia coli illadas de mostras de carne, con outras cepas de infeccións do tracto urinario humano, hospitalarias e da comunidade.

As semellanzas advertidas entre o comportamento in vitro para certos clons de E. coli de orixe animal constata as sospeitas xa apuntadas de transmisión bacteriana por inxestión de alimentos, e reforza a consideración dos animais destinados a produción de alimentos como potenciais fontes de cepas bacterianas causantes de enfermidades extraintestinais.

As conclusións acadadas logo desta singular investigación no eido da One Health, na que colaboran especialistas en medicina veterinaria e humana, van na liña doutros estudos anteriores sobre as superbacterias ao respecto da súa multirresistencia aos antibióticos, e ao risco da súa transmisión en produtos cárnicos destinados a consumo humano, tal e como sucede, entre outras, coa E. coli ou Klebsiella pneumoniae.

Os resultados da investigación foron levados a cabo no Laboratorio de Referencia E. coli do Campus Terra da USC, en Lugo, xunto con outros investigadores e investigadoras da área de Microbioloxía da Universidade e da Universidade de Copenhague, así como do Hospital Central de Asturias (HUCA).

Este traballo foi liderado polas investigadoras da Facultade de Veterinaria lucense Azucena Mora, Vanesa García e Isidro García Meniño, e foi realizado no marco dun proxecto estatal sobre resistencias aos antibióticos e seguridade alimentaria.