Un estudo científico advirte da ameaza de extinción do salmón do Ulla pola mina de Touro

Os investigadores da Universidade de Vigo, o CSIC e a Universidade de Swansea usaron as mostras históricas das escamas dos salmóns capturados no Ulla entre 1951 e 2012, analizando os metais pesados presentes, nomeadamente o cobre.

 

Un estudo realizado por investigadores da Universidade de Vigo, do Consello superior de investigacións científicas (CSIC) e da Universidade de Swansea (Gales) alerta do risco de extinción do salmón do Ulla. Unha ameaza que ten unha orixe, indica este informe, publicado recentemente na revista ‘Environmental Pollution’: a mina de Touro.

 

 

Os datos do estudo indican que analizando os metais pesados nas escamas dos salmóns capturados no Ulla pódese medir o impacto da mina de Touro na contaminación de cobre (Cu) e o seu efecto nas poboacións de salmón. E que indican os resultados? Poisque as verteduras da mina a ceo aberto de Touro “causaron unha redución significativa do medre e supervivencia do salmón do Ulla durante os anos 80”, informa Adega. A reapertura do proxecto agravaría aínda máis situación do salmón neste río, poñéndoo ao límite da extinción.

 

Os investigadores usaron as mostras históricas das escamas dos salmóns capturados no Ulla entre 1951 e 2012, analizando os metais pesados presentes, especialmente o cobre. Como comparativa, analizáronse tamén as escamas dos salmóns capturados no Miño, que non acolle verteduras de cobre procedentes da actividade mineira.

 

A influencia da mina durante o seu período de actividade (décadas do 70 e 80) vese claramente no incremento da deposición de cobre nas escamas dos salmóns do Ulla, e que multiplicaban por 7 as cantidades atopadas nos peixes despois do peche da mina. A bioacumulación de cobre é máis intensa na fase xuvenil, cando os salmóns están nos treitos altos do río. Isto afectou o medre dos peixes, que descendeu fortemente en comparación cos salmóns do Miño. E ao cesar a actividade da mina, o medre recuperouse aos níveis anteriores ao inicio da actividade.

 

Asemade, observouse un descenso na abundancia de salmóns no Ulla durante o período de actividade da mina de Touro, descenso que aínda non deu recuperado hoxe.