mar

Por que aumentan as mareas vermellas tóxicas nas rías galegas?

Marea vermella de 'Noctiluca scintillans' que tinguiu o litoral da ría de Vigo en 2020. (IEO Vigo).
Persoal investigador do ámbito mariño vén de analizar máis dun cento de observacións de mareas vermellas na Galiza desde principios do século XX. Estes fenómenos naturais, que nos máis dos casos se poden identificar a simple vista, manifestan unha maior compoñente tóxica.

Polo momento, o paradigma mantense: na Galiza as mareas vermellas adoitan ser de natureza non tóxica. Alteran a cor habitual da superficie do mar pero os organismos que as producen, por regra xeral, non son tóxicos nin daniños para o medio mariño.

Porén, nos últimos anos producíronse unha serie de mareas vermellas nas Rías Baixas que desafían ese precepto. Entre os meses de maio e xullo de 2018 produciuse nas rías de Vigo e Pontevedra unha floración tóxica de Alexandrium minutum, un dinoflaxelado produtor de toxinas paralizantes que ademais de provocar a coloración das augas durante un mes deu lugar a fechamentos prolongados de recolección de marisco. 

Foi un feito excepcional que se repetiu en 2020 –Noctiluca scintillans– e de novo en 2023. Persoal investigador do Instituto Oceanográfico de Vigo, do Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas e do Centro de Investigacións Mariñas vén de publicar un estudo no que analiza até 112 observacións de mareas vermellas na Galiza desde primeiros do XX, un traballo no que describen os tipos de coloración, os organismos responsábeis, a ocorrencia estacional e xeográfica destes episodios así como outras características como especies nocivas, toxicidade e bioluminiscencia.

1916, primeiros rexistros

Esta revisión conclúe que nas últimas catro décadas o número de observacións permaneceu estábel, mais revela un lixeiro aumento das mareas causadas por dinoflaxelados, nomeadamente de Noctiluca scintillans, que se vén favorecidos polas condicións de calma nas rías que resultan nunha maior estratificación e temperaturas máis altas. Ademais, tamén evidencia un aumento no número de mareas vermellas tóxicas excepcionais causadas pola proliferación de Alexandrium minutum.

"Falamos de fenómenos impredicíbeis, esporádicos e que non duran moito tempo. Non hai un rexistro sistemático de datos, por iso fixemos unha revisión histórica tanto de artigos científicos como da hemeroteca para facer unha recompilación das mareas vermellas documentadas na Galiza". Isto, explica a Nós Diario Francisco Rodríguez, investigador do IEO de Vigo, permitiu constatar "a proliferación de especies tóxicas das que até anos recentes non había rexistro. Non son organismos novos pero están a ser máis abundantes".

As primeiras mareas vermellas documentadas na Galiza datan dos primeiros anos do século XX. "Hai un traballo publicado de 1916 sobre a primeira campaña oceanográfica que se fixo na Galiza, liderada por Odón de Buén, que tiña entre os seus obxectivos estudar as mareas vermellas". Fala Rodríguez dun traballo extenso, moi detallado, tras o cal non se volveu publicar nada até os anos 50, con Ramón Margalef. "E de novo, outra década sen que ninguén estudase o plancto, até que se iniciou un programa de seguimento a raíz das intoxicacións que houbo nos anos 70. Foi cando os laboratorios que hai na Galiza comezan a traballar nisto".

Ardora, outra marea

Nas últimas décadas, Rodríguez destaca "moitas observacións de Noctiluca", ao tempo que se identifican "outros organismos que non son dinoflaxelados e que tamén producen mareas vermellas moi espectaculares. Con todo, o máis rechamante son as coloracións tóxicas provocadas por Alexandrium minutum así como os eventos de ardora que apareceron nas Rías Altas, asociados a outra especie que non é tóxica, Alexandrium tamarense".

Crecen de forma moi rápida e acumúlanse na superficie. "Cando gozan de boas condicións, con moitos nutrientes e a auga en calma, é normal que aumenten a súa poboación". As choivas fóra de temporada e as altas temperaturas tamén axudan a que estes organismos medren. "Viven na auga pero tamén fan células de resistencia que van ao sedimento. Con mareas fortes como as últimas hai máis oportunidades de que esas células se dispersen e facilite proliferacións", afirma.