África González: "O estudo dos anticorpos pode ser moi útil para planificar a desescalada"

África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (Duvi).
O proceso de inmunización fronte ao novo coronavirus é un dos ámbitos de estudo máis importante para loitar contra a epidemia. Nós Diario conversa coa catedrática da Universidade de Vigo e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, África González, defensora de novas probas adicionais. 

—Como se comporta o sistema inmunitario das persoas infectadas polo novo coronavirus?

Na maior parte das persoas o sistema inmunitario funciona ben, de feito hai moitos casos asintomáticos. Máis de 80% das persoas non notan practicamente nada. O seu sistema inmune funciona adecuadamente fronte ao virus. Despois hai unha porcentaxe na que a patoloxía é máis grave. Neses casos obsérvase unha resposta inflamatoria excesiva porque o sistema inmune non pode co virus. En consecuencia prodúcese un distrés respiratorio que, ás veces, conduce á morte.

Isto adoita ocorrer en pacientes anciáns, porque teñen unha compoñente inflamatoria superior ademais dun sistema inmunitario deteriorado que intenta responder ao virus sen éxito. Polo tanto, ese principio inflamatorio tan importante é o que fai que as pacientes maiores falezan.

—Desde o punto de vista da inmunoloxía, unha das consecuencias da enfermidade é a produción de anticorpos. Por que é importante estudar a súa produción?

Hai dous aspectos que o sistema inmunitario pode facer: xerar memoria de linfocitos T e producir anticorpos, que os hai dous tipos. Uns, que aparecen máis cedo e nos indican que a persoa está pasando a enfermidade, e outros máis tardíos, que nos din que xa a pasou, e que son os anticorpos de tipo IgG. Cremos que estudar estas dúas variantes axudará a complementar o diagnóstico e, ademais, pode ser moi útil de cara á planificación da desescalada.

—Estes anticorpos poden detectarse a través dos tests rápidos serolóxicos. Para quen están indicados?

Creo que se lle deberían facer a todas as persoas residentes en centros de maiores, ás súas coidadoras e aos seus familiares; a todo o persoal sanitario, por suposto, e a unha porcentaxe alta da poboación que habería que determinar con criterios estatísticos segundo a afectación de cada territorio. 

"Saber das persaos que xa superaron a enfermidade permitiría que se reincorporarsen ao seu traballo con menor risco"

Se tras esa estimación sabemos quen superou a enfermidade porque na súa resposta inmunitaria ao virus xerou anticorpos de tipo IgG, a desescalada pode producirse de forma máis tranquila. Todas esas persoas poderían reincorporarse ao seu traballo con menor risco que aquelas que aínda non se enfrontaron á COVID-19, tendo moi en conta que as pacientes maiores e con patoloxías crónicas van ser máis susceptíbeis.

—Defende a realización de estudos específicos para unha desescalada territorial?

Ten que ser así, porque a incidencia en Madrid ou Barcelona non é a mesma que noutros territorios. E tamén cómpren estudos sectoriais, que atendan sobre todo a aqueles traballos nos que a exposición do persoal é máis alta. Os coidados e a vixilancia deses grupos ten que ser superior ao doutras traballadoras cunha exposición máis limitada. Se queremos recuperar a actividade é importante analizar en cada caso a probabilidade de contaxio. Na universidade decidiuse non volver ás aulas para evitar as multitudes. Isto é o que debe facer cada sector, observar as súas circunstancias e tomar as medidas preventivas adecuadas.

—Considera precipitado o regreso á actividade após Semana Santa?

Creo que se podería ter esperado un par de semanas, para ver realmente como evoluciona a extensión do virus e cal é a resposta inmunitaria da poboación. 

"E é posíbel que persoas que agora non se infectaron se infecten no futuro. Mais, en caso dun novo brote, será menor e estaremos mellor preparadas"

—Cre que Galiza pode estar máis exposta no futuro por ter pasado menos a enfermidade, en comparación con outros territorios?

É certo que a dispersión da poboación e as medidas de confinamento poden ten axudado a diminuír os contaxios na Galiza. E é posíbel que persoas que agora non se infectaron se infecten no futuro, polo tanto as medidas de protección seguirán sendo fundamentais: os coidados hixiénicos, o distanciamento social, o uso de máscaras cando estea recomendado, a limpeza no fogar. Por agora é o único que temos, porque non hai tratamento eficaz nin vacina. As únicas medidas para evitar o contaxio son o confinamento e a evitación das persoas que nos poidan contaxiar.

—Canto dura a inmunidade fronte ao virus?

Estanse recollendo mostras para analizar con tempo cal é a resposta inmunitaria tanto dos anticorpos como dos linfocitos T. De momento hai moi poucos estudos. A pandemia só leva catro meses e non sabemos se teremos memoria duradeira, de moitos anos, ou se se manterá só uns meses. Con todo, en caso dun novo brote, será menor e estaremos mellor preparados desde todos os puntos de vista.

ELISA, unha proba adicional aos tests rápidos

A catedrática da Universidade de Vigo e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, África González, avoga por complementar a realización de tests rápidos coa capacidade dos laboratorios hospitalarios para facer probas máis sensíbeis que xa se empregan a diario para detectar que tipo de anticorpos teñen as persoas con sida ou se as mulleres embarazadas teñen anticorpos para a rubéola.

"A proba ELISA pódenos dicir os tipos e subtipos de anticorpos que produce unha persoa, ademais de cuantificalos, e con esta información poderiamos facer estudos ao longo do tempo para ver canto duran eses anticorpos. Sería unha boa alternativa para as pacientes ingresadas e o persoal sanitario", destaca. Un complemento importante dos tests rápidos que se poden levar aos centros de saúde, ás entradas dos hospitais, ás residencias ou ás farmacias.