Investigación

Un estudo na costa de Bueu sobre a actividade sexual das anchoas, premiado co 'anti-Nobel' de Física

Banco de anchoas. (Foto: Nós Diario)
Os IG Nobel premian a nivel mundial as descubertas científicas que "primero fan rir á xente, e logo fan pensar".

En 1991 naceron nos Estados Unidos os Premios IG Nobel, tamén coñecidos como os 'anti-Nobel' polo seu carácter satírico. Igual que os galardóns que anualmente se entregan nas capitais de Noruega, Oslo, e Suecia, Estocolmo, os IG Nobel contan coas cinco categorías tradicionais —Física, Química, Medicina, Literatura e Paz—, alén doutras como Bioloxía e Enxeñaría, mais neste caso buscan as descubertas científicas que "primero fan rir á xente, e logo fan pensar".

E baixo o pretexto de "celebrar o inusual, honrar o imaxinativo e estimular o interese de todos pola ciencia, a medicina, e a tecnoloxía" vén de ser premiada unha investigación da que participou persoal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través dos Centros Oceanográficos de Balears e Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM)), sobre bioturbulencia na costa de Bueu.

Os resultados foron publicados na revista Nature Geoscience en 2022 e agora o estudo vén de ser distinguido co Premio IG Nobel de Física. O motivo? A peculiaridade da investigación, que consistiu, esencialmente, en determinar o impacto que ten no océano a actividade sexual das anchoas. E, máis concretamente, na turbidez das augas do Morrazo.

"Este traballo foi posíbel grazas á colaboración entre institucións e a un enfoque multidisciplinar que combina aproximacións metodolóxicas diversas nos campos da Física e a Bioloxía", explican as persoas autoras, en relación a un traballo que buscou determinar "que axentes e procesos eran os causantes dos incrementos de turbulencia".

Para isto, precisan, fíxose uso da ecosonda acústica instalada no buque oceanográfico Ramón Margalef do IEO, que rexistrou ecos concorrentes cos incrementos de turbulencia atribuíbeis a agregacións de pequenos peixes peláxicos e as mostraxes de plancto.