Estudar os lumes do pasado para evitar os do futuro

Os incendios forestais do pasado outubro marcaron un punto de inflexión nos concellos pontevedreses. A magnitude e as consecuencias dos lumes evidenciaron a necesidade de novas estratexias para afrontar un dos principais problemas ambientais do país. Baixo esta premisa, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra levan meses traballando nun proxecto que busca estabelecer as liñas mestras da política forestal, da ordenación do territorio e da extinción de incendios, que permita evitar ou mitigar episodios similares no futuro. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 303.

“Tentamos facer un traballo forense dos incendios en Pontevedra con profesionais de todo o mundo. Queremos contar con entre 10 e 15 opinións cualificadas, analizadas sobre o terreo na maior parte dos casos ou sobre a cartografía detallada. E con todas elas, facer unha síntese do que podemos aprender dos lumes de outubro. A idea é ser capaces de transmitir cales son as cuestións prioritarias”, asegura en declaracións a Sermos Galiza o coordinador do proxecto e director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos.

 

Non se trata de idear un simple receitario, asegura Picos, senón de xuntar un panel de persoas especializadas na materia para que, tras reunir e analizar os dados de forma científica, determinen os patróns comúns que explican os incendios forestais, e permitan mudar a forma de abordalos por parte das distintas administracións involucradas. Un traballo da Universidade de Vigo e da Deputación de Pontevedra que está inspirado nas investigacións realizadas en Portugal após os grandes lumes do pasado ano, pero que non se desenvolvera antes na Galiza.

 

Cando a Xunta non actúa

 

Desde a institución provincial, que financia e promove o proxecto, apuntan que este xurdiu non só pola magnitude dos incendios de outubro, tamén pola “constatación de que a Xunta non estaba facendo o que tiña que facer”, segundo aclara o seu vicepresidente, César Mosqueira. “O bo coñecemento permite actuar e tomar decisións sobre unha base sólida, non sobre modas, ou sobre lugares comúns. Xuntando persoas expertas a nivel mundial para que nos digan cales serían as mellores opcións para enfocar os problemas do monte en xeral e dos incendios en particular”, salienta sobre os propósitos do estudo.

 

[Podes ler o texto íntegro no número 303 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]