Estudantes lamentan a "burocratización" da Covid e as universidades defenden a xestión

Estudantes da UVigo, realizando un exame presencial este mes de xaneiro (Foto: Universidade de Vigo).
"O alumnado coñece e respecta todas as medidas sanitarias", afirma a UVigo

A pasada segunda feira, a Xunta decidiu adiar o inicio das aulas presenciais nas universidades galegas até, cando menos, o 17 de febreiro. Con todo, os exames que xa estaban previstos no calendario académico como presenciais mantiveron as súas datas.

As tres universidades galegas decidiran a comezos de xaneiro delegar en cada docente a decisión de facer unha avaliación en persoa ou virtual. Neste tempo, parte do alumnado denunciou a "inseguridade" que lles xeraban os exames presenciais.

"Se as aulas son virtuais, porque o exame non?"

Miguel Alonso, estudante de Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña (UDC), explica a Nós Diario que faltou a unha proba presencial porque convive con dúas persoas de risco: "Non quería exporme á Covid e o docente, malia que foi empático, dixo que non podía facer nada porque tiña as mans atadas", afirma, e lembra que o único modo de xustificar a ausencia a un exame en persoa é ter dado positivo: "É unha burocratización da enfermidade", sentencia Alonso.

"Se durante o curso se evita a presencialidade, por que os exames teñen que selo?", declara a este xornal Alejandro Suárez, representante de Acción Universitaria. Pola súa banda, Manuela Nores, da Asemblea Nacional das Estudantes Galegas (Anega), apunta que o "problema" das probas presenciais non son só as "aglomeracións nas portas das aulas", senón tamén os movementos da poboación: "Hai alumnos de Medicina que viñeron desde Madrid", afirma, e engade que na Coruña houbo "grandes aglomeracións" nas liñas de autobús urbano que conducen ás facultades.

Ambos lamentan que as universidades "poñan na mesma balanza a saúde e a posibilidade de copiar nun exame", en referencia á xustificación da presencialidade para "garantir unha avaliación meritoria". Así mesmo, coinciden en que as universidades, en concreto a de Compostela, non están preparadas para a docencia telemática: "O campus virtual cae constantemente, e as alumnas que non tiñan boa conexión a internet víronse especialmente prexudicadas", apunta Suárez.

"As avaliacións decorreron con normalidade"

Fontes da reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) consultadas por Nós Diario aseguran que todas as probas "decorreron con normalidade dentro das circunstancias" grazas ao "grande esforzo" de estudantado e persoal docente e administrativo: "Había delegadas en cada centro evitando posíbeis aglomeracións e unha Oficina Covid que resolveu todas as queixas e peticións do alumnado", expón.

Tamén desde a Universidade de Vigo (UVigo) apuntan a un correcto desenvolvemento dos exames: "O estudantado coñece e respecta as normas en vigor, polo que evitaron formar aglomeracións ou reunións máis alo do permitido dentro das instalacións", aseguran a este xornal. Pola súa banda, a UDC incide tamén na seguridade das probas e o cumprimento xeral das medidas sanitarias.