Universitarias da USC, a UDC e a UVigo reclaman a opción virtual

Estudantes denuncian a "inseguridade" que xeran os exames presenciais

Alumnas de Psicoloxía na USC, esta segunda feira, antes da realización dun exame presencial (Foto: Cedida).
Tres peticións en 'Change.org' dirixidas ás universidades galegas superan as 7.000 sinaturas.

Esta segunda feira comezou o período de exames nas tres universidades galegas, nun momento no que as expertas piden limitar ao máximo as interaccións sociais por mor do crecente número de casos de coronavirus. Estudantes da Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UDC) tentaron, sen éxito, que os seus respectivos campus ofrecesen a posibilidade de realizar os exames de modo telemático.

Os tres centros universitarios, en vista de que a Xunta da Galiza non endureceu as restricións no ensino, optaron por que sexa cada docente quen decida a modalidade da proba (presencial ou virtual).

Con todo, esta proposta provocou o rexeitamento de gran parte do alumnado, que pide solucións ás universidades naqueles casos nos que as docentes negan unha proba virtual ás estudantes que alegan "inseguridade" por padeceren patoloxías vulnerábeis ao virus. As estudantes das tres universidades galegas promoveron senllas peticións en 'Change.org' que superan as 7.000 sinaturas en total.

Así mesmo, o colectivo Xuntas por Políticas (Facultade de Ciencias Políticas da USC) transmitiu onte ao profesorado os resultados dunha consulta na que 95% das alumnas solicitaba a realización dos exames de modo virtual. Onte non houbo ningunha proba presencial nesta facultade, mais si as haberá ao longo da semana. "Mandamos un correo ás profesoras pedindo a opción telemática e só nos contestou o Decano, dicindo que a decisión está en mans de cada docente", sinalan a Nós Diario fontes deste colectivo.

Aglomeracións

Os protocolos sanitarios son estritos e ninguén pon en dúbida o distanciamento social nas aulas, mais o problema viría no exterior: "Non houbo unha entrada ordenada porque os profesores non indicaron o procedemento. Amontoámosnos ás portas da facultade e acabamos ocupando a beirarrúa, e nin así logramos manter a distancia", relata a este xornal Alberto Castellanos, estudante da Facultade de Ciencias Económicas da USC, que onte se examinou xunto a "máis dun cento" de persoas.

Moi semellante foi o que aconteceu ás alumnas de Psicoloxía da mesma universidade: "Non nos dixeron nada até o momento do exame, chegamos á facultade e comezaron distribuírnos polas aulas baleiras. A separación era a mesma que tiñamos antes da pandemia", sinala a Nós Diario a estudante Aisha Dieste.

Alejandro Suárez, da asemblea estudantil Acción Universitaria, fala de "improvisación": "Hai unha falta total de planificación porque avisaron onte cando xa comezaran os exames, e a proba virtual tampouco é unha solución porque moitas estudantes carecen dos recursos precisos", argumenta, facendo fincapé en que, mentres realizaba onte o seu exame, o campus virtual da USC 'caeu'. Tamén dende a organización estudantil Anega se pronunciaron estes días exixindo unha avaliación "xusta e segura".

Por outra banda, as fontes consultadas por Nós Diario salientan o desenvolvemento "sin incidentes" da primeira xornada de exames nos tres campus da UVigo, a pesar de que tamén se produciron certas aglomeracións nos exteriores: "É inevitábel que se xunten moitas persoas nos corredores ao facermos todas o exame o mesmo día", apunta unha estudante de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra.

O vicedecano desta facultade, Paulino Pérez, fai un balance positivo: "Non tivemos incidencias, as docentes que elixiron presencialidade adaptaron as quendas e a duración das probas", explica a Nós Diario.

USC e UVigo rexeitan ofrecer a alternativa virtual

As universidades de Santiago de Compostela e Vigo comunicaron onte a súa negativa a permitir a vía telemática a quen a solicite, deixando a decisión en mans das docentes. Con todo, reservan esta alternativa para casos acreditados vencellados ao coronavirus que impidan ás estudantes asistir a unha proba.

A UDC, que comeza os exames a vindeira semana, está a estudar a petición.