Xustiza

Un estudante pontevedrés admite que violou unha compañeira de instituto e logra rebaixar a dous anos a pena

Sede da Audiencia de Pontevedra. (Foto: Nós Diario).
A sentenza tamén impón ao estudante, que é maior de idade, igual que a vítima, o afastamento da moza a cen metros durante un período de cinco anos, a unha liberdade vixiada polo mesmo prazo.

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra vén de condenar en conformidade a dous anos de cárcere a un estudante por agredir sexualmente unha compañeira de instituto. Esta quinta feira, a Fiscalía e mais a defensa do acusado alcanzaron un acordo en virtude do cal o procesado admitiu a autoría dos feitos aceptando a condena, que se viu reducida con respecto á petición inicial que propuña o representante do Ministerio Público, que era de oito anos de prisión por un delito de agresión sexual na súa modalidade de violación.

A vítima mostrouse de acordo con esta conformidade porque quería evitar o xuízo e acabar cando antes con este procedemento. A condena de dous anos quedará en suspensión durante o período de cinco anos, condicionada a súa execución durante este tempo a que o condenado non volva delinquir.

A sentenza tamén impón ao estudante, que é maior de idade, igual que a vítima, o afastamento da moza a cen metros durante un período de cinco anos, a unha liberdade vixiada polo mesmo prazo, así como a inhabilitación especial para profesión, oficio ou actividades que conleven un contacto regular e directo con persoas menores de idade durante cinco anos. Con respecto á responsabilidade civil, pedía unha indemnización para a vítima de 5.000 euros polos danos morais.

Segundo os feitos relatados no escrito de acusación, a vítima e o agora condenado coñecéronse en setembro de 2022 nun instituto de Pontevedra do que ambos os dous eran alumnos. O 10 de outubro dese ano, na hora do recreo, os mozos saíron do recinto escolar para comprar algo nun supermercado e, ao saír deste estabelecemento, o acusado propuxo á súa acompañante ir dar un paseo polo parque do Gafos.

Cando estaban sentados charlando o mozo, "guiado por un ánimo libidinoso e co afán de atentar contra a libre determinación sexual" da moza, realizoulle tocamentos sen o seu consentimento a pesar de que ela lle pedía que parase, que non quería que a tocase e que a incomodaba. Xa de regreso ao instituto, levouna á zona traseira dunha caseta e alí produciuse a agresión.

Durante os días seguintes, a moza sufriu ataques de ansiedade, vómitos, crises de pranto e tristeza continuos con importante afectación psicolóxica.