O estudantado da Uvigo, a prol de dar por rematado o curso

Estudantes da Uvigo no campus de Ourense (Imaxe; uvigo.gal)
Unha enquisa realizada entre 2.875 estudantes da Uvigo amosa que 54,9% defende a suspensión do curso 2019-2020 e dar por superadas as materias sen que estas conten para a media.

Unha enquisa realizada entre o estudantado da Universidade de Vigo, na que participaron 2.875 alumnas e alumnos que tiveron que ingresar a súa conta de correo da Uvigo para poder participar nela, amosa que 54,9% avoga pola suspensión do actual curso lectivo e defende dar por superadas as materias sen que estas computen para a media.

35% estaría a favor de rematar o curso a través de teledocencia. Ademais, 86,1% avoga pola devolución das taxas deste cuadrimestre, e 72,7% afirma que a carga de traballo ten aumentado desde o comezo do confinamento. A enquisa é iniciativa do estudante da Uvigo Óscar Miranda. 

Desde a organización estudantil ANEGA valoraron os resultados da enquisa coma “moi positivos”, á vez que denuncian “os intentos por parte de algúns representantes e mesmo do reitor da Universidade de cuestionar o dereito á folga do estudantado”.

Esta organización convocou un paro de duración indefinida nas tres universidades galegas desde e pasada quinta feira, 16 de abril, chamando ao estudantado a non asistir ás clases virtuais e a non entregar traballos, sendo a primeira folga destas características na historia do Estado.

A folga reclama a liquidación do curso académico coa superación automática das materias.