Concentración na USC contra a "actuación ilexítima" da policía no campus na greve do 19A

Imaxe: Erguer e Movemento estudantil galego

Decenas de estudantes e do cadro de persoal da Universidade de Santiago concentrouse no mediodía desta terza feira perante a facultade de Medicina da USC para expresar o seu rexeitamento ás actuacións policiais rexistadas durante a pasada greve estudantil, no 19 de abril. Segundo apuntan desde as organizacións convocantes do protesto, axentes da Policía Nacional terían entrado en varias facultades ante as chamadas de docentes “por varios delitos que resultaron non existir” e sen a pertinente autorización do Reitorado.

 

“Irromperon de malos modos, amedrentando e ameazando coa detención e con sancións a estudantado e PAS”, engaden nun comunicado público difundido nas súas redes sociais. A organización sinala que dita actuación sería esaxerada ante as incidencias producidas, que entrarían dentro do habitual nunha greve con actuación de piquetes. Esta clase de incidencias xa se terían rexistrado previamente en anteriores xornadas, como a do pasado 8 de marzo.