Concello e Comunidade de Montes estudan rachar o acordo que outorga a xestión do Monte Pindo á Xunta

Eucaliptos presentes no Pindo [Imaxe Asociación Monte Pindo Parque Natural]

Participantes na andaina polo cabodano do incendio que arrasou o Olimpo Celta constataron a presenza de eucaliptais e lanzan a voz de alarma perante o "abandono" da administración. 

 

Máis de dúas centas persoas participaron esta fin de semana (13 de setembro) no roteiro organizado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural co gallo do primeiro cabodano do incendio que arrasou o Olimpo Celta. 

Na andaina, que partiu do lugar de Caldebarcos e percorreu un camiño até o momento descoñecido para a propia asociación, @s participantes puideron comprobar o actual estado de recuperación do Monte Pindo após un ano do lume e, no concreto, "constatar a invasión total de Eucalyptus globulus, que rebrotou por doquier ameazando a supervivencia do carballo autóctono", aseguraron desde o movemento asociativo. 

"As novas plantas xa superan en menos dun ano os dous metros de altura" feito que, din, impide "a súa extracción manual", sinalaron. 

Participantes na andaina comprobaron a presenza de eucaliptos de máis de 2m que ameazan o carballo anano

Desde Monte Pindo Parque Natural alertan das consecuencias que carrexará para o carballo anano esta invasión, que tildan de "emerxencia ecolóxica" habida conta que este monte é o único hábitat desta especie en Galiza. 

Para @s activistas en defensa do Olimpo Celta "a profusión do eucalipto" é responsabilidade da "inacción" da Xunta de Galiza, responsábel da xestión do Monte Pindo, por rexeitaren inciar os traballos de recuperación após o incendio, en aras, asegurou o secretario xeral de Medio Ambiente, Tomás Fernández-Couto, de promover a "recuperación natural". 

Para a Asociación estas declaracións supoñen unha "excusa incríbel" coa que soster "unha desafección e un abandono deliberados" por parte da administración pública. 

Perante este contexto, o Concello de Carnota, as Comunidades de Montes e o tecido asociativo de Carnota acordou iniciar os traballos para disolver o Consorcio que deixa en mans da Xunta a competencia de xestión do Monte Pindo co fin de devolver @s propietari@s e veciñanza este espazo natural.