Estudan denunciar a Novagalicia Banco por usurpación dunha vivenda en Cambre

Representantes da entidade bancaria romperon o pecho do inmoble, do cal posuían un 50% en virtude dun crédito impagado. Ao se decataren de que tal acto ''era ilegal'', colocaron unha nova pechadura e deixaron as chaves na caixa do correo. O caso denúnciao Stop Desafiuzamentos

Representantes de Novagalicia Banco romperon "por erro" a fechadura dunha vivenda en Cambre, na que viven unha muller e as súas dúas fillas menores de idade. Así o denuncia o colectivo Stop Desafiuzamentos Compostela, que estuda iniciar accións legais contra a entidade bancaria, ao entender que os feitos poderían ser constitutivos de sendos delitos de usurpación da propiedade e violación da intimidade.

O banco posúe en propiedade a metade do inmoble en virtude dun crédito contratado en 2008 polo ex marido da inquilina que non foi pagado e para o cal a casa servira como aval. "En ningún momento se recibira notificación por parte do xulgado de que se ía proceder ao cambio de fecho e ao desafiuzamento da vivenda", sinala Stop Desafiuzamentos, quen afirma que a débeda é privativa, xa que a persoa solicitante do crédito estaba xa separada e por tanto, coa sociedade de gananciais disolta desde 2002, quedando a vivenda como domicilio da muller e das dúas crianzas en virtude dunha sentenza xudicial.

Cando a entidade reclamou os cartos do crédito, o cidadán non puido afrontar o pagamento nas condicións que impuxera Caixa Galicia. Tras intentar negociar os prazos, "o banco foi implacable e negouse", informando de que procederían ao embargo da única propiedade que tiña, a metade da vivenda. Desde Stop Desafiuzamentos recordan que unha participación nun inmoble non pode ser obxecto dun desafiuzamento. O 19 de xuño a propietaria da casa descubriu, cando quixo entrar, que o pecho fora mudado, e atopou unha nota co selo do xulgado no que a informaban de que as chaves estaban na caixa do correo.

Stop Desafiuzamentos explica os feitos como "un intento de quedar coa vivenda" por parte do banco, até que se decataron por si propi@s de que o que pretendían "era ilegal e un posíbel delito", momento no que mudaron o pecho e deixaron unha chave na caixa do correo, tal e como recoñeceu a procuradora de NGB. Co amparo do colectivo cidadán, a familia estuda emprender accións legais por violación de morada e do dereito á intimidade.