As estrelas, ao alcance da man

[Imaxe: SG] A Vía Láctea pode contemplarse nos meses de verán
O teito da Galiza son os milleiros de estrelas que poden verse cada noite nos puntos máis afastados das cidades e vilas. Dous dos 15 lugares que a nivel mundial contan coa cualificación “Destino Starlight” pola idoneidade para a observación do ceo son galegos: A Veiga e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Anímaste a viaxar pola bóveda celeste de balde? Fornecémosche as claves para o facer nas noites do verán.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas e A Veiga son algúns dos espazos galegos recomendados para observar as estrelas. A razón atópase nos seus ceos, que reúnen as características idóneas para viaxar pola bóveda celeste. O firmamento destes dous lugares conta co certificado destino Starlight, unha iniciativa internacional avalada pola Unesco, pola Organización Mundial de Turismo e a Unión Astronómica Internacional, que recoñece as zonas coas mellores condicións para a contemplación das constelacións.

É doado facer turismo estelar nas poboacións galegas afastadas da luz artificial. “A chave está en nos afastar da contaminación luminosa. Na Galiza existen dificultades pola dispersión poboacional, que implica moitos farois e, en consecuencia, menos zonas especialmente escuras. Con todo, hai un feixe de lugares para ver as estrelas”, explícanos Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. As zonas óptimas para contemplar o firmamento son as comarcas do interior, “nun ceo óptimo temos cinco mil estrelas a simple vista, como na Veiga; sen chegar a iso, nun razoabelmente escuro veremos arredor dunhas dúas mil. Nas cidades, dez veces menos nas noites boas”, acrecenta o experto en Astronomía.

Para coñecer como de bo é o ceo e cantas estrelas temos a posibilidade aspirar a albiscar podemos tirar da Rede de Medida do Brillo do Ceo Nocturno de MeteoGalicia e a USC. A aplicación monitoriza de forma continuada a evolución do brillo do ceo. O lugar de referencia para a Agrupación Ío é Guitiriz, “para nós, desde A Coruña, ten fácil acceso e conta cun nivel de escuridade suficiente. Aínda así, en Guitiriz distínguense as manchas de luz que hai na Coruña, pois a contaminación luminosa afecta a ducias de quilómetros”, indica o especialista.

Como todo, o verán ten pros e contras para a astronomía. A parte negativa é a duración das noites, excesivamente curtas. Entre o solpor e o amencer hai a inicios do verán nove horas escasas e delas só cinco contan con verdadeira escuridade, sen luz remanente do Sol. A parte positiva ten a ver coa meteoroloxía, xa que existe unha maior probabilidade de que o ceo estea despexado, e co tempo de lecer e vacacións, que facilita as observacións.

O clásico do verán son as Perseidas. Os restos do cometa Swi!-Tuttle orixinan a máis famosa chuvia de estrelas que viviu o seu momento de maior esplendor arredor do 12 de agosto. E outro dos grandes protagonistas dos ceos deste verán é a Vía Láctea, pois a temporada estival é o momento perfecto para apreciarmos a faixa difusa que atravesa o ceo pola parte máis alta no medio da noite, desde o sur con Escorpio e Saxitario até o nordeste con Perseo; polo medio, a Aguia e o Cisne (dous vértices do Triángulo de Verán), Cefeo e Casiopea.

Recomendacións. Que necesitamos?

  • Escuridade. Buscar un lugar o máis afastado posíbel de cidades e vilas. Unha vez que unha persoa escapa das luces artificiais, vai descubrir un ceo que non está afeito a contemplar.
  • Paciencia. Contemplar o ceo require de moita paciencia. Primeiro, hai que agardar uns minutos a que o ollo se adapte á escuridade. Tamén hai que ter en conta que fenómenos como o paso dunha estrela fugaz son imprevisíbeis, co cal é preciso mirar moito tempo para atopar un bo número delas.
  • Abrigo. Por moito que sexa verán, durante a noite, refresca. Nada de sandalias nin manga curta para ir ao monte.
  • Boa compaña. O ideal é participar nunha observación con alguén con coñecementos sobre astronomía. As agrupacións astronómicas realizan observacións guiadas.
  • Planisferios. Para coñecer o ceo, o mellor é facerse cunha guía cómoda e manexábel, básica, ou un planisferio. Tamén o sitio web Heavens-Above e o so!ware Stellarium, dispoñíbel para Linux, Windows e Mac.
  • Prismáticos. As persoas expertas recomendan non obsesionarse cun telescopio. Convidan a gozar cos ollos primeiro e xa en segundo lugar ver o cosmos a través de prismáticos.

[A reportaxe orixinal foi publicada no número 206 do semanario en papel Sermos Galiza]