A Estratexia Galega de Mobilidade só reducirá en 10% as emisións de gases de invernadoiro nesta década

O transporte e a maquinaria móbil son responsábeis de 41% das emisións de gases precursores do ozono 'malo'. (Foto: Nós Diario)

 A Xunta só pretende reducir as emisións de gases causantes de cambio climático do transporte en 10% en 2030 con respecto aos niveis actuais.

A proposta da Estratexia Galega de Mobilidade (EGM) elaborada polo Goberno galego pretende reducir en 10% as emisións de gases de invernadoiro do transporte nunha década.

O obxectivo da alternativa formulada polas autoridades galegas aspira a retallar en 1,5ºC as emisións no sector que máis contribúe desde a Galiza a situación de emerxencia climática.

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) considera pouca ambiciosa a medida defendida pola Xunta. Neste sentido, entende que a Estratexia Galega de Mobilidade “debería aspirar a lograr emisións cero en 2040, en lugar de en 2050”

OGACLI defende que “as emisións en 2030 xa deberían ser  50% inferiores ás de 2019”. Neste liña, lamenta que “o Goberno galego propón atrasar a redución drástica das emisións no sector do transporte”.

O colectivo lembra que “o transporte é o sector no que máis creceron as emisións desde 1990, ano de inicio da serie oficial de datos”. A este respecto, apunta que “depende en 94% de produtos petrolíferos e acapara un terzo da enerxía consumida  na Galiza”.

O transporte consume máis enerxía que a suma de fogares e servizos. Segundo os últimos datos oficiais, o tráfico de persoas e mercadorías  é a maior fonte de gases causantes de cambio climático na Galiza, representando 22,5% das emisións totais

OGACLI significa que “a descarbonización do transporte é o desafío climático máis complicado e require dun forte compromiso de todos os poderes públicos e da cidadanía”.

A entidade denuncia que a Xunta renuncia a facer a súa parte ao apostar por un modelo de mobilidade que non procura nin unha redución forte da necesidade de desprazamentos e das súas distancias”.