As estradas máis perigosas están na Galiza

Estrada N-642 Ribadro [Imaxe: Google Maps]

A historia repítese ano tras ano. O informe de Avaliación da Rede de Estradas do Estado elaborado por RACE, en parcería con outros clubs automobilísticos europeos, sitúa a  rede viaria galega como a máis  perigosa do Estado. O alto número de sinistros de circulación ten nesta realidade unha das súas causas.

O Real Automóbil Club de España (RACE) leva practicamente 20 anos analizando a situación da rede viaria de titularidade estatal no marco dun programa impulsado e validado desde as institucións comunitarias. O denominado proxecto Europa RAP estuda o nivel de risco daqueles tramos viarios cunha circulación superior a 2.000 vehículos diarios e cunha lonxitude superior a cinco quilómetros. Tamén analiza o perfil dos accidentes daqueles grupos sociais máis vulnerábeis e a incidencia do tráfico pesado no alcance dos sinistros.

O RACE estuda o nivel de risco mediante a avaliación dos sinistros e a súa gravidade en relación coa densidade de tráfico. Segundo os autores do informe, “a metodoloxía estrutúrase en base a un Índice de Risco, definido como o número de accidentes mortais e graves acontecidos nun tramo por cada 1.000 millóns de vehículos ao quilómetro”. Ao tempo sinalan que “para fixar os tramos perigosos da rede de estradas aténdese a certos criterios de homoxeneidade en canto a tipoloxía da vía, o tipo de interseccións que presenta e a existencia de tramos con calzada única ou separada”.

Tres dos cinco  tramos de máis risco

A Galiza concentra tres dos cinco tramos de máis risco da rede viaria do Estado. A estrada N-541 entre Boborás e Sonelle, na comarca do Carballiño, está considerada como a segunda máis perigosa de todas as vías de titularidade estatal. O tramo, cunha distancia de 10 quilómetros e un tráfico de 4.214 vehículos ao día, segundo os datos de 2020, sumou nese exercicio cinco accidentes graves e alcanzou un índice de risco de 107,2 puntos. En cuarto lugar na listaxe sitúase a estrada N-642, no lugar de intersección coa N-634, ao seu paso por Ribadeo, que concentrou dous accidentes graves no pasado exercicio e un índice de perigo de 132 puntos.

Un total de 261 quilómetros de estradas de titularidade estatal son considerados de alto risco na Galiza. Mentres o 12% da rede viaria galega está caracterizada como de gran perigo, a porcentaxe en Euskadi atópase en 0%, en Madrid en 0,19%

A estrada mariñá, a N-541 ao seu paso por Orcellón e a N-550 á altura de Ordes repiten na listaxe por sexta edición consecutiva. Así, en relación co primeiro exemplo o relatorio do RACE afirma: “Cabe destacar o tramo con maior índice de risco, correspondente á estrada N-642 entre os quilómetros 0,0 e 8,2 (cruzamento coa N-640 e cruzamento coa  N-634 en Ribadeo) pois nos seus 8,2 quilómetros de lonxitude producíronse no período 2017-2019 un total de dous accidentes cun resultado de dous feridos graves”.

O informe de Avaliación da Rede de Estradas do Estado recolle 10 tramos de alto risco na Galiza. Entre eles, aparecen citados a N-550 en Ordes con 7.784 vehículos ao día e oito accidentes; a N-547 entre Melide e Boente, con cinco accidentes, e a N-6 en Monterroso, con tres accidentes. Outros tramos con perigo na Galiza son a N-532 en Verín; a N-120 de Seguín a Penalba, na Ribeira Sacra, e a N-VI entre Baralla e Lugo. Na mesma dirección, sete trazados viarios da Galiza atópanse entre os 20 máis perigosos do Estado, até sumar o 35% do total. Non existe ningún territorio estatal que supere o número de traxectos de extremo risco presentes na rede de estradas do país. 

261 quilómetros de máximo risco

Un total de 261 quilómetros de estradas de titularidade estatal son considerados de alto risco na Galiza. Mentres o 12% da rede viaria galega está caracterizada como de gran perigo, a porcentaxe en Euskadi atópase en 0%, en Madrid en 0,19%, en Cantabria en 2,72%, en Andalucía en 5,12% e en Estremadura en 5,33%. Segundo as conclusións do traballo do RACE, “a correspondencia entre os sinistros e o estado de conservación das estradas está fóra de toda dúbida, até o punto de que son aquelas onde menos investimento existe por parte do Goberno onde se concentran máis accidentes”.

O estudo destaca que os accidentes na Galiza están moi ligados á situación das estradas. A este respecto, o traballo dá conta da concentración de accidentes naqueles tramos con peor visibilidade, co firme máis deficiente, a ausencia de dobre carril ou o peralte das curvas. Na mesma dirección é significativo que ningún tramo de autoestrada ou autovía figure entre os traxectos perigosos do Estado e da Galiza, o que explica que aquelas zonas con escasos quilómetros de estradas convencionais como Euskadi ou Madrid non aparezan na listaxe.

As conclusións da investigación do RACE desmontan argumentos sobre as causas dos sinistros. Un deles, mesmo empregado pola Administración, que sitúa os e as choferes galegas como máis despistadas ou máis dadas ao consumo de substancias prohibidas para xustificar o alto número de sinistros.