Alto Risco

As estradas máis perigosas do Estado son galegas

Tramo da N-642 na parroquia de Reme en Ribadeo (Wikipedia)

A rede viaria galega concentra as estradas máis perigosas do Estado español. Máis un ano, o informe de seguridade no tráfico elaborado polo Real Automóbil Club de España(RACE) pon en evidencia o risco de moitos tramos das vías galegas. É precisamente esta, unha razón chave no alto número de sinistros de circulación no país.

O informe de Avaliación da Rede de Estradas do Estado sitúa por quinto ano consecutivo ás estradas galegas como as máis perigosas da rede viaria. O traballo elaborado polo RACE, en parcería con outros clubs automobilísticos europeos, dentro do proxecto Europa RAP, un programa europeo de avaliación da situación das estradas, estuda o nivel de risco daqueles tramos viarios cunha circulación superior a 2.000 vehículos diarios e cunha lonxitude superior a cinco quilómetros. Ao tempo analiza o perfil dos accidentes daqueles grupos sociais máis vulnerábeis e a incidencia do tráfico pesado no alcance dos sinistros.

A metodoloxía empregada, común para toda Europa, analiza o nivel de risco mediante a avaliación dos sinistros e a súa gravidade en relación co nivel de tráfico da vía. Segundo as autoras do informe “a metodoloxía estruturase en base a un “Índice de Risco” definido como o número de accidentes mortais e graves acontecidos nun tramo por cada 1.000 millóns de vehículos quilómetro”. Ao tempo sinalan que “para fixar os tramos perigosos da rede de estradas aténdese a certos criterios de homoxeneidade  en canto a tipoloxía da vía, o tipo de interseccións que presenta e a existencia de tramos con calzada única ou separada”.

Analizados 2.158 quilómetros de estradas na Galiza, 261son considerados de alto risco. Mentres 12% da rede viaria do país está caracterizada como de grande perigo, a porcentaxe en Euskadi atopase en 0% en Madrid en 0,19%, en Cantabria en 2,72%, en Andalucía en 5,12% ou en Estremadura en 5,33%. Segundo as conclusións do traballo do RACE “ a correspondencia entre os sinistros e o estado de conservación das estradas está fóra de toda dubida até o punto de que son aquelas onde menos investimento existe por parte do Goberno onde se concentran máis accidentes”.

14 tramos de alto risco na Galiza

O tramo da estrada N-541 de Boborás a Sonelle, na comarca d´O Carballiño, está considerada como a máis perigosa de toda rede viaria estatal. A vía, cunha distancia de 10 quilómetros e un tráfico de 4.214 vehículos ao día en 2019, suma o pasado ano sete accidentes graves, dous falecidos, sete feridos graves e acada un índice de risco 150 puntos. A súa beira, en segundo lugar na listaxe sitúase a estrada N-642, no lugar de intersección coa N-634 ao seu paso por Ribadeo, que concentra  tres incidentes graves no pasado exercicio e un índice de perigo de 132 puntos.

A estrada mariñá repite na lista por terceira ano consecutiva. Segundo analiza o RACE “nos seus 8 quilómetros de lonxitude prodúcense entre 2016 e 2018  un total de tres accidentes con tres feridos graves sendo considerado por terceiro ano consecutivo un tramo considerado como de risco grave. Destacar que dous terzos destes sinistros graves na N-642 corresponden con usuarias de ciclomotores e motocicletas”. Malia repetirse de xeito reiterado neste informe e noutras disposición do Ministerio de Fomento o risco desta vía ribadense, a Dirección Xeral de Estradas non ten adoptado medidas ao respecto.

O informe de Avaliación da Rede de Estradas do Estado sinala 14 tramos de alto risco na Galiza. Así refírese á N-550 en Ordes con 7.784 vehículos ao día e 10 accidentes, á N-540 entre a Barrela e O Cambeo cinco accidentes, á N-640 entre Caldas e Vilagarcía 12 accidentes, á N-547 entre Melide e Boente tres accidentes e á N-640 en Monterroso tres accidentes. Outros tramos con perigo na Galiza son a N-VI entre Ois e Betanzos, a N-541 de Barbantes a Boborás, a N-120 d´A Rúa a Quiroga, a N-532 en Verín, a N-120 de Seguín a Penalba na Ribeira Sacra e a N-VI entre Baralla e Lugo.

Madrid non atende as estradas galegas

O estudo conclúe sinalando que os accidentes na Galiza están moi ligados ao estado das estradas. A este respecto, o traballo destaca a concentración de accidentes naqueles tramos con peor visibilidade, situación do firma máis deficiente, ausencia de dobre carril ou o peralte das curvas. Neste sentido desmonta tópicos e os argumentos interesados, construídos, ás veces, desde a administración que sitúan as choferes galegas como máis despistadas ou máis dadas ao consumo de substancias prohibidas para xustificar o alto número de sinistros.