Estas son as estradas cortadas ao tráfico pola proximidade das chamas

O lume cerca varios núcleos de vivendas no Barco de Valdeorras. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Tamén a liña de AVE que conecta a Galiza coa meseta está cortada temporalmente á circulación polo lume que afecta Zamora.
  1. Verín
  2. Carballeda de Valdeorras
  3. O Barco de Valdeorras
  4. A Pobra do Brollón e Folgoso do Courel
  5. AVE Madrid-Galiza

A vaga de incendios que xa afecta varias comarcas do país está a provocar cortes de vías e problemas na circulación por estrada, con problemas de visibilidade en varios puntos debido ao fume, segundo información ofrecida pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Verín

Así, desde as 17.10 horas desta segunda feira está cortada, en ambos os sentidos, a estrada A-75 á altura de Verín, entre os quilómetros 0 e 10, por un incendio forestal procedente de Portugal. A Garda Civil informa de que se enviaron dúas patrullas á zona para o corte coa fronteira lusa.

Pola súa parte, a N-532, tamén ao seu paso por Verín, é transitábel mais con precaución en ambos os sentidos entre os quilómetros 8 e 12 debido á presenza de fume, segundo a DXT.

Carballeda de Valdeorras

En concreto, desde as 13 horas cortouse a estrada OU-0853, en Candeda (Carballeda de Valdeorras), do quilómetro 5 ao 9 —en sentido crecente da quilometración—.

O Barco de Valdeorras

Tamén se produciu un corte na OU-121, desde o quilómetro 8, en Santigoso (O Barco), até o quilómetro 26, en Prada.

Aliás, prodúcense cortes intermitentes na estrada N-536 á altura do Barco, en ambos os sentidos entre os quilómetros 43 e 47, pola presenza de fume e po.

A Pobra do Brollón e Folgoso do Courel

Xa desde o domingo tamén se producen problemas de circulación noutras comarcas debido ao lume, en concreto na LU-P-5701, entre A Pobra do Brollón e Folgoso do Courel —entre os quilómetros 0 e 32, en ambos os sentidos—, e máis na LU-P-4710, á altura da Pobra, durante tres quilómetros en ambos os sentidos.

AVE Madrid-Galiza

E o incendio iniciado en Losacio (Zamora) obrigou a suspender "até novo aviso" a circulación da liña de Alta Velocidade Madrid-Galiza, en concreto no treito comprendido entre o municipio zamorano de Otero de Bodas e a capital da provincia.