Aser Álvarez, promotor e director técnico do FICRURAL

“Estou canso diso da Galiza baleira, creo nunha Galiza rural reconquistada”

[Imaxe: Arraianos Producións] Aser Álvarez.
Aser Álvarez (Bande, 1976) levaba tempo cultivando a idea, pensando nun lugar de encontro para “actores públicos e privados preocupados polos retos e retos do mundo rural desde unha perspectiva contemporánea”. Este domingo, 22 de setembro, comeza en Compostela o primeiro Foro Internacional sobre a Cultura e a Economía Rural (FICRURAL). Faino cunha andaina para que reivindica a loita contra o quecemento global e cun repenique das campás das igrexas e capelas da vila urbana e rural. O evento celébrase durante toda a semana na Fundación Laboral da Construción, na rúa Pontepedriña de Arriba.

Que é o FICRURAL?
Foi agromando pouco a pouco, a lume lento, como se cociñan as cousas no rural. Comezamos cun monográfico da Revista Arraianos titulado A vida nas aldeas, no que reflexionabamos sobre os retos do mundo rural. Iso foi hai máis de dez anos. Despois veu o proxecto Galeguesa e todo o traballo desenvolvido con varios documentais desde Arraianos Producións, con Plácido Romero. Tamén, a creación do Festival Internacional de Cine Rural, xa hai cinco anos, coa colaboración de Lareira Pop. O foro responde á necesidade de dar un paso e propiciar o encontro e o intercambio de experiencias. O FICRURAL nace co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, e pretende ser un foro multidisciplinar de divulgación de experiencias e casos de éxito que dean impulso a un modelo innovador para o rural.

Por que un festival rural en Compostela?
Santiago é a capital de Galiza e ten unha forte identidade rural. Compostela é o segundo concello con máis territorio rural na Coruña. Case 180 dos 190 quilómetros cadrados son territorio rural. E iso, lonxe de ser un problema, é unha enorme oportunidade. É un rural moi singular dado que non houbo ese proceso de abandono tan intenso que puido haber noutras zonas. Houbo un proceso de despoboamento, pero non de abandono. Pero o rural de Santiago non se coñece, nin sequera os propios composteláns. O foro inclúe no programa unha serie de roteiros polas parroquias que van quedar a disposición na web.  

Que pensa cando escoita falar da Galiza baleira ou baleirada?
O certo é que xa estou un pouco canso diso, creo máis na Galiza chea o nunha Galiza rural reconquistada, nesa que cada día vexo en exemplos de emprendedoras e mulleres bravas que están a desenvolver os seus proxectos vitais no rural de Compostela e comarca e mesmo noutras zonas da Galiza interior. Creo que é preciso apoiar estas iniciativas e propiciar a colaboración entre actores públicos e privados que actúan no rural.

Cree que a xente do rural, como as heroínas de Yoseba, precisan gañar autoestima?
Este tipo de foros son moi importantes para que eses heroes e heroínas poidan verse valorados e facerse máis visíbeis. Por iso lle dedicamos unha retrospectiva a este artista que a través do proxecto Fenómenos do Rural está a facer moito por rachar estereotipos.

Hai un festival de cine rural, pero 'existe' un cine rural?
Existen un cine e unha literatura que cada vez máis se centran neste eido. Na web facemos unha revisión de todos eses encontros que se están producindo no cine e na literatura. Hai un nivelazo.

Cales son os obxectivos do FICRURAL máis alá de propiciar eses encontros?
Pois a partir desde punto de encontro, de diálogo e de reflexión, crear unha rede colaborativa entre axentes e proxectos de emprendemento para a dinamización do rural de Compostela, da súa comarca e dos concellos do país. Queremos dar o primeiro paso nesa dirección.

Por que non vivimos e traballamos no rural?
Hai problemas estruturais graves, e o grao de abandono e despoboamento é tal que mesmo pode chegar a impedir que alguén poida emprender. Pero tamén existen moitos estereotipos e persoas que mitifican o rural desde a perspectiva do urbanita. E hai moitos prexuízos. Non se trata so de facer proxectos relacionados co sector agro-gandeiro, porque hai moitas alternativas. Unha vez que coñezamos os recursos que hai nas parroquias, poderemos pensar os proxectos. Probablemente moitos deles teñan que ver coa agro-gandaría e o turismo, pero outros poden ser artesáns, artísticos… xente que o único que precisa é ter unha boa conexión a Internet. Hai que xogar coas particularidades que ten Compostela. Este pode ser unha especie de piloto que despois exportar. Pero sobre todo é un punto de encontro para cooperar e emprender.  

Hai nostalxia do rural. Pódese converter iso nun negocio?
Hai unha xeración que perdeu o lazo que tiña coa aldea, ese intercambio de coñecementos. Cremos que máis que un negocio, hai verdadeiras alternativas para desenvolver proxectos. Non é cuestión de negocio, senón de convertelo nun lugar onde facer viable un negocio. O que imos facer é traer a moitos promotores, mentores de proxectos de emprendemento rural, directores de redes de coworking rural que están funcionando. Traelos aquí para aproveitar o seu coñecemento.

Até que punto os urbanitas galegos gardan memoria do rural e por iso teñen idealizada a vida no rural?
Iso terá que preguntarllo a eles. Eu son de aldea, crieime no rural e sigo vivindo no rural sempre que podo; por iso esta teima en facer algo por revitalizalo.

Cando deixará Galiza de ser rural?
Non debera. Nunca. Deixaría de ser Galiza. Outra cousa é que haxa unha visión política do rural acaída ao momento histórico que estamos a vivir. Precisamos entender o rural desde unha perspectiva contemporánea, aproveitar os nosos recursos e complementar o rural e o urbano. Ver o que se está a facer noutras zonas do planeta para afrontar a crise do rural, que é global, para acadar o equilibrio entre o rural e o urbano. E para iso non estaría de máis que os políticos se puxeran de acordo para promover un gran pacto polo rural.