O estigma e a falta de recursos frean a saúde das persoas con depresión

Un 5% da poboación mundial padece depresión. (Foto: Europa Press)
O 13 de xaneiro conmemórase o Día Mundial de Loita contra a Depresión. A Organización Mundial da Saúde estima que só un terzo das persoas con esta doenza recibe coidados de saúde mental formais.

Case mil millóns de persoas en todo o mundo (14% adolescentes) estaban afectadas en 2019 por un trastorno mental. Son datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), que o ano pasado publicou o exame máis completo sobre saúde mental desde principios de século.

O máis común é a depresión, principal causa de enfermidade e discapacidade. A nivel global estímase que un 5% dos adultos padecen depresión. Na Galiza, segundo datos da Enquisa Europea da Saúde de 2022, un 5,54%.

Coma outras moitas doenzas mentais, a depresión segue a ser obxecto de vergonza. Propia e allea. É parte do tabú que aínda pesa sobre o sufrimento psíquico e que leva a moitas persoas a ocultalo, a negalo, a non recoñecer a realidade.

"A clave está na dor que sentes, unha dor invisíbel, salvaxe, moi difícil de calibrar e de transmitir". O xornalista e politólogo Anxo Luxilde explicaba así a Nós Diario a dor "corrosiva" da depresión en outubro de 2021, tempo no que publicou A vella compañeira (Luzes), un relato moi persoal sobre a súa convivencia con esta doenza durante 30 anos.

A culpa, a incomprensión, as burlas, o rexeitamento son parte desa narración. Unha combinación que comparten outras persoas con depresión e que explica o estigma que adoita rodear a quen padece trastornos mentais. 

"Non vives"

Eugenia Rodríguez ten 60 anos e leva case 30 con depresión. Vive en Ourense e é usuaria de Feafes Galiza, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental da Galiza.

"Hoxe, a como me vin, estou moi ben". Desde hai oito meses e despois de "infinitas recaídas" séntese con forzas "para saír da depresión", unha doenza que comezou a agromar co nacemento dos seus fillos e o diagnóstico de dous problemas graves de saúde cando aínda eran cativos. 

Só un terzo das persoas con depresión recibe coidados de saúde mental formais

Nunca agochou a súa doenza mais recoñece momentos de incomprensión e vergonza. "O sufrimento é tan grande que te anula, non che deixa facer nada".

"Eu a metade da vida non a vivín", asegura. En 20 anos gañou 50 quilos e tivo dous intentos de suicidio. Contou sempre co apoio incondicional da familia e coa axuda de psiquiatras e psicólogos que acabou procurando pola súa conta para superar as lagoas na cobertura dos servizos públicos. A atención especializada, os tratamentos e certos cambios de hábitos, di, trouxérona até aquí.

"Saio a camiñar todos os días cunha amiga para combater a obesidade que gañei estes anos, falamos das súas cousas e das miñas. Cada 15 días encóntrome coa psicóloga de Feafes, co que teño unha gran sintonía. Conto a axuda dunha rapaza que vén tres horas á semana para ordenarmos a casa entre as dúas, xa é como da familia. E teño dous netos cos que paso tempo e coido cando cómpre". 

Falta de recursos

A OMS advirte de importantes fendas de coidado no ámbito da saúde mental, polo aumento da prevalencia deste tipo de doenzas e a escaseza de recursos que presentan a maioría de servizos para a cobertura da demanda de atención especializada.

Os baleiros son amplos en todos os territorios, di. Mesmo nos de ingresos altos, só un terzo das persoas con depresión recibe coidados de saúde mental formais e estíma que o tratamento contra a depresión minimamente adecuado oscila entre o 23% nos países de ingresos altos até o 3% nos países de ingresos baixos e medianos.