O verán de...

Esther Estévez: "Non esperaba para nada o éxito do 'Dígocho eu!'"

A xornalista de Verín Esther Estévez (Foto: E.E.).
Entrevistamos a xornalista verinesa Esther Estévez para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Cóntenos sobre o seu momento actual no persoal e no profesional.
Agora mesmo estou de vacacións, por fin! A nivel profesional hai moito traballo mais na verdade estou súper contenta porque está todo funcionando moi ben.

—Esperaba o éxito que tivo o 'Dígocho eu!'?
Nin eu nin ninguén do equipo  o esperabamos. Este foi un proxecto que naceu para as redes sociais da televisión, mais non contabamos para nada que fose coller o pulo que colleu. 

—Como lle gusta gozar do verán?
Gústame sempre volver a Verín para estar con familia e amigos. Tamén me gusta escaparme a algún sitio de cando en vez.

—Cal é o lugar da Galiza en que máis lle gusta estar?
Hai moitos, gústame estar en Verín, en Santiago ou nalgún lugar de praia, non teño un lugar favorito específico.

—Praia ou piscina?
Diría praia, pero normalmente cando vou canso moi rápido dela.

—Cando vai á praia, pasa máis tempo na area ou na auga?
Estou máis na area.

—A onde non iría nunca de vacacións?
No verán non iría a un sitio onde vaia moita calor. Se tivese que ir a Andalucía, por exemplo, iría noutra época do ano.

—Unha prenda imprescindíbel no verán?
O bikini.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Unha viaxe que fixen á República Checa. Eu toco na banda de gaitas Nova Era e fomos tocar alí varias veces e é unha pasada.

—Algún souvenir que adoites comprar?
Non son moito diso, si que tendo a gardar cousas como billetes de avión ou algo que estea no idioma do sitio que visito.

—Unha canción que estea escoitando moito?
Corazón de toxo, que é unha canción na cal colabora La Quinkillada.

—Unha serie ou filme que nos recomende?
Diría a serie Saudade de ti.

—E un libro?
Un libro que lin hai pouco, Illa decepción de Berta Dávila.