Estes son os lugares en alerta amarela por nevaradas para esta quinta feira

Neve en Xunqueira de Espadanedo, na comarca de Allariz-Maceda. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
En xeral, ao longo da xornada continuará a presenza de ar frío no país, tanto en superficie como en altura e o fluxo de ventos do norte.

Meteogaliza activou o aviso amarelo por risco de nevadas en varias zonas o país para esta quinta feira, cando se espera un descenso da cota de neve, que se situará entre os 400 e os 600 metros de altitude.

En concreto, Meteogaliza prevé neve nas comarcas dos Ancares e a Fonsagrada así como en zonas da comarca de Lugo e da Terra Chá.

Tamén na comarca da Terra de Trives e na comarca de Arzúa e Melide hai perigo por nevaradas.

Así, o aviso estará activo desde as 21 horas desta cuarta feira e até as 00 horas da sexta feira.

Nas comarcas dos Ancares e Fonsagrada o aviso inicia á medianoite e tamén durará toda a xornada, o igual que en Trives. No resto, este aviso só estará activo desde a madrugada até as 12 horas da quinta feira.

Ar frío

En xeral, ao longo da xornada continuará a presenza de ar frío no país, tanto en superficie como en altura e o fluxo de ventos do norte. Espérase un día de ceos parcialmente nubrados con chuvascos máis frecuentes na metade norte, localmente con saraiba.

As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso, máis acusado nas máximas e con formación de xeadas en moitos puntos do interior.

O vento soprará frouxo do norte, algo máis intenso pola tarde e con intervalos fortes entre Bares e Fisterra.

Meteogaliza tamén activou o aviso amarelo por ondas de máis de catro metros na Costa da Morte e no Noroeste do país para esta quinta.