Estes son os xornais que se len na Moncloa: ‘Nós Diario’ non está entre eles

Pedro Sánchez (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

O orzamento máximo que dedica o Goberno estatal a distribución de prensa no edificio da Moncloa é superior aos 460.000 euros anuais. Son máis de 66.000 exemplares en papel e máis de 400 subscricións dixitais. Estes son os medios que compra a sede e residencia da Presidencia do Estado español.

A estimación de consumo anual de prensa na Moncloa inclúe, segundo unha investigación realizada por Civio, 66.131 exemplares ao ano en papel e 402 subscricións dixitais. El País é o medio do que a Moncloa recibe máis exemplares: 10.538 anuais, seguido de El Mundo, con 8.920 e ABC, con 7.460. En relación ás subscricións dixitais, a El País e El Mundo séguenlle La Vanguardia -editado en Catalunya- e ABC.

A prensa editada fóra do Estado español tamén ten un oco na residencia do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Así, chegan á Moncloa 783 exemplares de The New York Times anuais e hai contratadas catro subscricións dixitais a ese periódico.

Le Monde conta co mesmo número de exemplares na Moncloa que The New York Times, ademais de sete subscricións dixitais. Lese, ademais, segundo os datos de Civio, The Economist, Der Spiegel e The New Yorker.

A fundación cidadá explica que a prensa en papel que chega á Moncloa diminuíu ao longo dos últimos anos, atendendo á evolución das estimacións, de maneira que en 2016, a cantidade de exemplares de El País que se compraban era de 1.305 ao mes, cantidade que hoxe cae a uns 878 exemplares ao mes.

E a prensa en lingua propia?

Medios como Nós Diario -único diario en papel en galego-, Berria -único diario en papel en euskera- e Vilaweb -que vén de sumar 25 anos, sendo o medio pioneiro dixital en catalán- están excluídos na Moncloa, malia seren referentes da prensa en lingua propia das respectivas nacións sen Estado. Á sede da Presidencia do Goberno estatal si chega Gara -medio escrito en español e euskera-, con 783 unidades anuais de segundas a sextas feiras, e con 156 os sábados e domingos. Tamén dispón dunha subscrición dixital a Gara.

Ademais, Moncloa ten contratadas dúas subscricións dixitais ao xornal en catalán Ara. De El Periódico, xornal en español editado en Catalunya, recíbense ao ano 4.903 exemplares.

Por outra parte, a residencia oficial de Sánchez recibe 783 exemplares anuais do diario vasco en español Deia de segundas a sextas e de 156 os sábados e domingos, a mesma cantidade que dedica a Gara.

De El Diario Vasco posúe unha subscrición dixital e de El Correo, tamén editado en Euskadi, catro.

Moncloa recibe 730 exemplares de 'La Voz de Galicia'

A respecto dos medios editados na Galiza, a Moncloa contrata 522 exemplares anuais de La Voz de Galicia de segundas a sextas feiras e 208 os sábados e domingos. Ten unha subscrición dixital a La Voz de Galicia. De Faro de Vigo conta só cunha subscrición dixital.

Exemplares que recibe a Moncloa

As estimacións de exemplares anuais, segundo os datos de Civio, son os seguintes:

  • El País: 10.538 (44 subscricións dixitais)
  • El Mundo: 8.920 (43 subscricións dixitais)
  • ABC: 7.460 (37 subscricións dixitais)
  • La Vanguardia: 6.889 (39 subscricións dixitais)
  • La Razón: 5.685 (17 subscricións dixitais)
  • Expansión: 5.427 (15 subscricións dixitais)
  • El Periódico: 4.903 (27 subscricións dixitais)
  • Cinco Días: 4.018 (11 subscricións dixitais)
  • Financial Times: 3.496 (12 subscricións dixitais)
  • El Periódico de España: 1.827
  • Deia: 1.095
  • Gara: 1.095 (1 subscrición dixital)
  • El Economista: 992 (4 subscricións dixitais)
  • La Voz de Galicia: 938
  • Le Monde: 783 (7 subscricións dixitais)
  • The New York Times: 783 (4 subscricións dixitais)
  • The Economist: 676 (11 subscricións dixitais)
  • El Nuevo Lunes: 208
  • Der Speigel: 104
  • The New Yorker: 94
  • Cambio 16: 72
  • Alternativas Económicas: 24
  • El Siglo: 24
  • Emprendedores: 24
  • Time: 24
  • Claves Razón Práctica: 12
  • Le Monde Diplomatique Español: 12
  • Archiletras: 8

Moncloa ten ademais subscricións aos dixitais El Confidencial (25), El Diario.es (19), Infolibre (17), Público (11), El Español (10) ou Libertad Digital (1), entre outros medios.