Estes son os nove tramos de risco das estradas galegas

Cinco accidentes, con dúas persoas falecidas, entre 2019 e 2021 na estrada N-525. (Foto: Europa Press)

As estradas máis seguras son aquelas polas que transitan máis vehículos por día.

As estradas galegas contan cun total de nove tramos con risco elevado de accidente. O peor deles está na N-525, estrada que une Santiago con Benavente. Son datos que recolle o informe EuroRAP 2022, que conta coa participación do Real Automóbil Club de España (RACE).

A Galiza é a cuarta comunidade con maior porcentaxe de estradas con risco elevado (10,8%), só por detrás de La Rioja, Catalunya e Asturias. En concreto, a comunidade galega conta 230,3 quilómetros de risco elevado entre un total 2.136,4 quilómetros que posúe a rede viaria galega.

Así, ademais do tramo na N-525, que é o de peor índice entre os considerados puntos "vermellos" (conta con 5 accidentes: con dous mortos e tres feridos graves entre 2019 e 2021), os outros oito puntos  perigosos na Galiza inclúen un tramo da N-541. Nesta estrada tivo lugar o accidente de autobús da pasada Noiteboa na que faleceron 7 persoas. Tamén teñen tramos perigosos a N-640, a N-6, a N-532, a N-120 e a N-547.

Denominador común nas estradas de risco

O informe caracteriza as estradas máis perigosas por seren vías convencionais, posuír unha calzada única, ter interseccións ao mesmo nivel e unha intensidade media diaria por baixo dos 10.000 vehículos ao día. Pola contra, o informe EuroRAP 2022 estabelece que as estradas máis seguras son aquelas polas que transitan máis vehículos por día.

"Nelas prodúcense menos accidentes por cada coche que circula, non se invade o sentido contrario, non hai interseccións ao mesmo nivel e, ao dispoñer duns maiores niveis de seguridade pasiva, os accidentes teñen menores consecuencias", explicou o RACE esta cuarta feira.