Estes son os lugares e horas das concentracións en repulsa do asasinato de Cristina Cabo

Concentración polo asasinato dunha muller no Carballiño o pasado mes de marzo. (Foto: Nós Diario)
"As últimas informacións que coñecemos parecen indicar que o asasinato pode ter tintes machistas e entendemos que cómpre dar resposta!”, indican desde a Marcha Mundial as Mulleres.

A través das redes sociais, a Marcha Mundial das Mulleres está a animar a se mobilizar en resposta ao asasinato en Lugo de Cristina Cabo. “As compañeiras de Lugo chaman a mobilizarnos para dar resposta ao asasinato de Cristina Cabo Buján o pasado domingo", indicaron.

"As últimas informacións que coñecemos parecen indicar que o asasinato pode ter tintes machistas e entendemos que cómpre dar resposta!”, aseveran.

Por iso, animan a se mobilizar esta quinta feira, 1 de decembro, en vilas e cidades da Galiza.

O cadáver de Cristina Cabo, de 42 anos, foi achado o domingo no seu domicilio da Rúa Quiroga, na cidade de Lugo, con evidencias de recibir múltiples coiteladas. O presunto autor do homicidio foi identificado en días pasados polo furto dun bolso e ameazas á súa propietaria.

Nun comunicado, a Policía confirma que o aviso se recibiu o domingo sobre as 22 horas, a través da Sala do 091, por parte da irmá da vítima. Acudiu á súa casa porque a familia non tiña noticias dela desde o sábado pola tarde, e atopouna morta no seu dormitorio.

Os lugares e horas das concentracións

A Marcha Mundial das Mulleres vén de comunicar os lugares e horas en que terán lugar as concentracións. Son os seguintes:

A Coruña, 20 horas no Obelisco
A Gudiña, diante do Concello
As Pontes, 20.30 horas na praza do Hospital
Ames, 20 horas na praza da Maia
Betanzos, 20 horas detrás do palco da música
Cabanas, 19.30 horas diante do Concello
Carnota, 19 horas na praza da Pedra
Celanova, 19.30 horas na praza Maior
Compostela, 20 horas na praza 8 de marzo
Ferrol, 20 horas na praza Amada García
Lugo, 20 horas diante do Concello
Moaña, 18.30 horas na praza do Concello
Noia, 20.30 horas diante do Concello
O Porriño, 20 horas diante do Concello
Ourense, 20 horas na Castañeira
Outes, 20.30 horas diante do Concello
Padrón, 21 horas fronte ao Concello
Pontevedra, 20 horas diante da Audiencia Provincial
Ribadeo, 20 horas na Praza 8 de marzo
San Cibrao (Cervo), 20.30 horas diante da casa da cultura
Vigo, 20.30 horas no Marco

As concentracións deste 1 de decembro (Foto: MMM Galiza).