Estes son os festivos do 2023 na Galiza

O 25 de decembro de 2023, día de Nadal, será festivo ao caer en segunda feira. Na imaxe, centos de persoas na inauguración do alumeado de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
San Roque e o Luns de Pascua son os festivos de elección municipal máis elixidos nos concellos da Galiza.

O calendario laboral de 2023 contempla un total de nove días festivos estatais que se celebrarán de forma conxunta en todo o Estado español, aos que se suman catro de carácter autonómico e dous fixados polos concellos, entre os que destaca o Martes de Entroido, o Luns de Pascua e o 16 de agosto, Día de San Roque.

2023 será un ano cun festivo estatal máis que o 2022 que este sábado xa quedará atrás. En concreto, serán festa en todo o Estado a vindeira sexta feira, 6 de xaneiro, o 7 de abril (Venres Santo), a segunda feira 1 de Maio (Festa do Traballo), a terza feira 15 de agosto (Asunción da Virxe), a quinta feira 12 de outubro (Festa do Estado español), a cuarta feira 1 de novembro (Todos os Santos), a cuarta 6 de decembro (Día da Constitución Española), a sexta 8 de decembro (Inmaculada Concepción) e a segunda feira 25 de decembro (Nadal).

Existen outros festivos comúns que as comunidades autónomas poden desprazar a outro día. Así ocorreu coa quinta feira 6 de abril (Xoves Santo), que será festivo na Galiza, onde tamén se mantén esta próxima sexta, 6 de xaneiro, Día de Reis. A eles súmanse os dous festivos de elección galega, que en 2023 serán o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e o 25 de xullo, Día da Patria Galega.

Aliás, os concellos teñen a capacidade de decretar outros dous días de festa. A opción máis popular no noso país é a do Martes de Entroido, que este ano cae no 21 de febreiro.

O calendario foi aprobado despois do correspondente ditame do Consello Galego de Relacións Laborais. No ano 2023 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo, o 1 de xaneiro, que a Galiza propón substituír polo 17 de maio, Letras Galegas.

Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: 6 de xaneiro, que no país nunca se cambia salvo que coincida en domingo; o xoves santo, que en 2023 celebrarase o 6 de abril e que na Galiza nunca se modifica de forma tradicional; e dáselles a opción de elixir entre o 19 de marzo e o 25 de xullo, que sempre se elixe este último por ser o Día Nacional da Galiza, como quedou estabelecido no decreto 8/1978 do 10 de xullo.

Por outra parte, o DOG recolle as xornadas inhábiles para os efectos laborais de cada municipio, retribuídas e non recuperábeis para o exercicio que vén. Ademais, tamén lembra ás empresas que deberán expor o calendario laboral nun lugar visíbel de cada centro de traballo, para coñecemento e consulta dos seus empregados.

Un dos días que máis se repite en multitude dos municipios galegos é o 21 de febreiro, que este ano cadra en Martes de Entroido, festividade que se celebra en gran parte da Galiza. O 10 de abril (Luns de Pascua) ou o 16 de agosto (San Roque) tamén son outras das xornadas de festa máis reiteradas no calendario laboral galego.

Nas grandes cidades, A Coruña celebrará o Martes de Entroido (21 de febreiro) e as festas de San Xoán (24 de xuño), mentres que Ferrol seleccionou este ano tamén o 21 de febreiro e o 10 de abril (Luns de Pascua e A nosa Señora do Chamorro). Ourense celebrará o 21 de febreiro e o 11 de novembro (San Martiño), así como Vigo, que volverá ter por festivo o 28 de marzo, Día da Reconquista, e o 16 de agosto (San Roque).

Santiago de Compostela celebrará o 18 de maio, día da Ascensión, e o 16 de agosto, San Roque; así como Lugo, que parará o 21 de febreiro e o 5 de outubro (San Froilán). Pontevedra, pola súa parte, celebrará o 22 de febreiro (Mércores de Cinza) e o 11 de xullo (San Benito).