Estes son os días festivos do curso escolar 23/24

Rapazada ás aforas dunha escola. (Foto: Arxina)

O curso 23/24 comeza esta segunda feira, 11 de setembro, e finaliza o 21 de xuño

Aínda non comezou o curso escolar en Infantil, Primaria e Secundaria e xa estás pensando cando serán as próximas vacacións? Para facilitar a ‘volta ao cole’ das familias após o período estival, aquí recompilamos as datas chave.

A Xunta da Galiza xa publicou o calendario escolar do vindeiro curso, no que se inclúen os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa, os festivos e os días non lectivos.

A Xunta ratificou o calendario escolar 23/24 no que conclúe que todas as etapas educativas comecen esta segunda feira, 11 de setembro, e finalicen o 21 de xuño de 2024.

Vacacións e días festivos

Os períodos de vacacións comprenderan entre o 22 de decembro de 2023 e o 7 de xaneiro de 2024, durante o Nadal; no Entroido, entre a segunda feira 12 e a cuarta 14 de febreiro de 2024; e en Semana Santa, da segunda feira 25 de marzo á segunda feira 1 de abril de 2024.

En canto aos días festivos, non serán lectivos a quinta feira 12 de outubro de 2023; a cuarta feira 1 de novembro de 2023, día de Todos os Santos; a cuarta feira e a sexta feira, 6 e 8 de decembro de 2023; a cuarta feira 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora; e a sexta feira 17 de maio, Día das Letras Galegas, que o vindeiro ano homenaxeará Luísa Villalta.

Tampouco será lectivo nin a quinta feira 7 de decembro, por ser o día do ensino, nin aqueles días que coincidan cos respectivos festivos locais.