Mapa da Xunta da Galiza

Estes son os 44 concellos en alerta vermella pola incidencia da Covid-19

O mapa de alertas segundo a incidencia a sete días (Xunta da Galiza).
Muda o mapa de alertas, en relación á incidencia pola Covid-19, na Galiza. Son 44, tres máis que na quinta feira, ao incluírse Cerceda, Boqueixón, Cambados e Nigrán, e ao saír Viana do Bolo.

O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia de coronavirus na última semana aumentou até os 44, tres máis que a xornada anterior.

En concreto, subiron até a alerta vermella os municipios de Cerceda, Boqueixón, Cambados e Nigrán e descendeu a alerta amarela, directamente desde a vermella Viana do Bolo, dada a redución da incidencia.

No mapa 'semáforo' que diariamente actualiza a Consellería de Sanidade, continúan no nivel máximo de alerta por coronavirus as sete cidades: A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.

Ademais, están en alerta vermella Culleredo, Ames, Arteixo, Cambre, Carballo, Fene, Muros, Narón, Oleiros, Pontedeume, Vimianzo, Teo, Barbadás, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia, Cangas, A Estrada, Gondomar, Lalín, Marín, Poio, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa e Monforte de Lemos.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus nos últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol -máis de 76 casos nunha semana-, Pontevedra -máis de 96-, Santiago -máis de 112-, Lugo -máis de 112-, Ourense -máis de 120-, A Coruña -máis de 276- e Vigo -máis de 332-.

En situación dous -na cor laranxa do mapa- sitúanse 26 municipios, os mesmos que na quinta feira: Ares, Arzúa, Boiro, Brión, A Laracha, Ordes, Ponteceso, Sada, Santa Comba, Valdoviño, Oza-Cesuras, Bóveda, A Fonsagrada, Allariz, Vila de Cruces, A Cañiza, Cuntis, Vilaboa, Fornelos de Montes, Mos, Salceda de Caselas, Cercedo-Cotobade, Tomiño, Baiona e A Guarda.

En cor laranxa inclúense concellos de máis de 50.000 habitantes con entre 138 e 332 casos novos de Covid-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.