Lois Pérez, STEG

“Estes foron anos de políticas devastadoras para o ensino público, e hai que revertelas”

Lois Pérez

O 4 de decembro perto de 31.000 docentes poderán votar nas eleccións sindicais no ensino en Galiza para elixir 142 delegados e delegadas. Iniciamos a publicación de pequenas entrevistas con representantes de diversas centrais que se presentan a estes comicios.

Nas eleccións sindicais no ensino de 2014 o Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG) obtivo 13 delegados e delegadas. Afronta os comicios do vindeiro 4 de decembro orgulloso “do capital que representa o noso traballo”, en palabras de Lois Pérez, responsábel da área de formación e comunicación dun sindicato que se autodefine, entre outras, como “asembleario, galego, non sexista, de clase”.

 

- Que valoración fai o STEG de todo o sucedido nestes catro anos, no tempo transcorrido desde as anteriores eleccións sindicais no ensino?

- Estes catro anos non son alentadores de atender á acción de goberno da Consellaría de Educación nin da Xunta. Houbo recortes en dereitos e houbo unha diminución de capacidade adquisitiva dos traballadores e traballadoras. A pesar do discurso político da superación da crise continuamos a ter recortados dereitos que tiñamos adquiridos, como descontos por incapacidade temporal, a redución que se deu no salario base, na contía dos trienios. Galiza foi o único territorio que non pagou os complementos específicos correspondentes a cuestións como titorías, nin as extras de 2013, 2014 e 2016. Suspendéronse axudas do fondo de acción social, que incluían axudas a xubilación, fillos menores, etc… Ou sexa, nestes anos houbo un baleirado de contido de dereitos e gran parte disto non se recuperou. E, ademais, está o tema da Lomce…

 

- Unha lei que se prometeu derrogar mais que na práctica é como se estiver vixente…

- É unha lei nefasta. Nós propoñemos a desobediencia cívica á Lomce nos centros, desde o STEG temos claro que hai que eliminala xa: aumenta a fenda social no alumnado, precarizou as condicións laborais do profesorado, baleirou de capacidade de decisión os claustros e os consellos escolares de centros, impediu a participación democrática na toma de decisións… Converteu as direccións dos centros de ensino en pouco menos que en xerentes de empresas. Ademais, a LOMCE maltrata a lingua propia do país, o galego, e fomenta o adoutrinamento relixioso na escola, a segregación por sexos; incorporou as reválidas e procesos de avaliación por axentes externos á escola e en situacións descontextualizadas.

 

A Lomce converteu as direccións dos centros de ensino en pouco menos que en xerentes de empresas

 

- Cal son as medidas que se propoñen desde o STEG para o profesorado e o ensino galego?

Somos un sindicato no que o noso capital é o noso traballo, e estamos orgullosos diso, pensamos que a nosa presenza nos centros de ensino é importante para a defensa dos dereitos do profesorado e de todo o ensino público. Estamos pola defensa dunha escola pública, de calidade. A ela é a que hai que dotar de medios e recursos e non detraelos para a privada, por iso somos partidarios de anular os concertos educativos coa privada. Somos un sindicato galego, nacionalista, por iso temos claro que a lingua debe de estar normalizada nos centros e reverter o que fixo con ela o goberno de Feixoo.

Estamos por un corpo único de ensinantes, quer dicir, que se consiga o mesmo salario e dereitos entre o profesorado nos distintos corpos e especialidades.

Cremos tamén que habería que pular máis pola unidade sindical, é unha necesidade. Esa unidade podería propiciar a mobilización non só de cada ‘parroquia’ dos diferentes sindicatos senón unha mobilización máis ampla e masiva. Foron anos de políticas devastadoras para o ensino público e hai que revertelas. Pelexaremos por intentar chegar a acordos de mínimos entre as diferentes centrais.

 

Queremos a negociación dun novo sistema retributivo, que non se cinxa só a cuestións salariais senón que tamén incorpore recuperar dereitos

 

Outras propostas son as de garantir maior estabilidade e mellores condicións, queremos a negociación dun novo sistema retributivo, que non se cinxa só a cuestións salariais senón que tamén incorpore recuperar dereitos.

Recuperar os horarios anteriores a 2012 ou a formación dentro do horario lectivo son outras das demandas que formulamos. Reclamamos, a respecto das persoas interinas, un modelo diferenciado de acceso á función pública, dunha banda unha reserva de prazas para o persoal interino e substituto que xa traballou; e doutra banda, unha reserva de prazas para a xente que nunca traballou.

As nosas propostas tamén atinxen cuestións como a do ensino laico, a defensa da escola rural, o traballo feminista…