Esténdese o apoio á loita do persoal da CRTVG nos #venresnegro contra a manipulación

Os traballadores e traballadoras, por 14ª sexta feira consecutiva, demandan vestidos de negro a fin da manipulación e a censura nos medios públicos.

Grupos de música tradicional, mariñeiros, actrices e actores, xubilados, taberneiros, estudantes, obreiros do metal… Nas redes sociais propáganse imaxes e lemas de alento e apoio para coa loita que traballadores e traballadoras da CRTVG desenvolven desde hai semanas na defensa duns medios públicos sen censura nin manipulación

 

Eta sexta feira, 24 de agosto, é o #VenresNegro14CRTVG: 14 sextas feiras nas que o persoal leva prendas de cor negra en loito pola situación da CRTVG e demandar a fin “o uso político e partidista dos medios, o control gubernamental, a falta de independencia e a manipulación informativa”.

 

Dentro da problemática interna de cada medio, as traballadoras da corporación pública galega reclaman a creación dun consello de informativos, prevista desde a lei de medios públicos da Galiza, do ano 2011. “Non interesa crealos, e cremos que é importante para poder erradicar a manipulación informativa”, apunta Raquel Lema, membro do comité de empresa da CRTVG.

 

Cómpre lembrar que os comités de empresas de CRTVE-Galicia e da CRTVG chaman as traballadoras para participar o próximo 8 de setembro nunha manifestación unitaria en Compostela. A saída será ás 10:30 horas desde as instalacións da canle pública galega en San Marcos para despois pasar pola sede da CRTVE, no mesmo lugar. A marcha finalizará na praza de Praterías arredor das 12:30 horas, onde se procederá á lectura dun manifesto. As artistas Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz participarán coa súa música no acto.