Esténdense as protestas contra o plan da Xunta para a volta ás aulas

O Consello Escolar de Cangas convocou onte unha protesta e levará ao Pleno as súas demandas.
En vésperas da primeira das mobilizacións convocadas polos sindicatos educativos contra o protocolo da Xunta para a adaptación do inicio do curso ao contexto da Covid-19, varios colectivos explicitan o seu rexeitamento aos plans da Xunta.

Menos de dous días antes de que teña lugar en Compostela a cazolada convocada desde as organizacións sindicais contra o protocolo da Consellaría de Educación, familias e profesorado de Cangas, Bueu e Moaña levaron onte á rúa as súas reivindicacións para reclamar á Consellaría de Educación un protocolo "digno" e "negociado" coa comunidade escolar no que se inclúa, ademais dun itinerario sanitario consensuado e un mecanismo para a coordinación das distintas Administracións na volta ao curso en canto espazos, apoios ou servizos sociais, unha regulación das ratios en todas as etapas educativas, "para garantir as medidas de distanciamento físico necesarias e unha correcta atención educativa, que cumpra coas indicacións das propias Administracións educativas de reforzo e recuperación do curso 19/20 e as necesarias adaptacións organizativas e curriculares", cunha redución do alumnado por grupo e curso.

As súas demandas son as mesmas que facían, a principios de mes, antes de se presentar o documento da Consellaría de Educación, que pretenden tombar para reelaborar un novo protocolo que inclúa todos os colectivos da comunidade escolar.

Entre as reclamacións, que foron elevadas aos Consellos Escolares municipais de Cangas e Moaña, cóntase tamén o reforzo do persoal en todos os centros, así como unha mellora da coordinación didáctica e da formación do profesorado e da comunidade educativa, e a posta en marcha "inmediata" das reformas tecnolóxicas precisas para dar unha resposta correcta a un posíbel confinamento. 

"Non adoptar medidas que permitan adaptar o sistema público de ensino a unha nova situación significa recortar e limitar as posibilidades de educación do alumnado", recolle a declaración aprobada no Consello Escolar de Cangas, que será levada ao Pleno municipal deste mes para a súa aprobación, e que tamén será dirixida á Xunta. "Non podemos seguir cegas e mudas ante o total abandono de cada centro, como se isto fose unha cuestión de xestión organizativa dunha escola e non unha aposta decidida, clara e con planificación de quen ten a responsabilidade de levar adiante a política educativa", afeálle o texto á Consellaría.

Estas reivindicacións engádese ás da Confederación de Anpas Galegas, que xa a semana pasada manifestou a súa oposición ao documento da Xunta por cuestións como a insuficiente distancia de seguridade que fixa dentro das aulas –dun metro–, a presión sobre os centros para  a aplicación e control das normas sanitarias ou a delegación no alumnado dos labores de hixienización. 

A elas sumáronse onte as do  colectivo en contra do desartellamento do ensino Profesorado en Pé, que denuncia a falta de previsión e rigor do texto proposto desde a Administración galega e que exixe, entre outros aspectos, investimento para a aplicación das medidas de adaptación á pandemia, protocolos para a atención á diversidade e normas de organización claras e cunha previsión de tempos, espazos e funcións. Igualmente, a CIG reafirmouse na "temeridade" e "improcedencia" do plan da Xunta.