Unha estatua para Evaristo (La Polla Récords) en Tui

Unha iniciativa para que se cambie na cidade tudense a estatua do político español Calvo Sotelo polo dun dos referentes do punk, ambos os dous nados na cidade, reuniu xa case 500 sinaturas

‘Que se cambie a estatua de Calvo Sotelo de Tui por unha de Evaristo Páramos’. Con este explicativo e directo título unha iniciativa dirixida á corporación municipal tudense leva reunidas centos de sinaturas. Unha solicitude nas redes sociais que pide exactamente iso, que se retire a estatua que en Tui hai en honra a Calvo Sotelo (político reaccionario español nado na cidade en 1893) para poñer no seu lugar unha doutro fillo de Tui mais de vida e obra antagónica: Evaristo Páramos, nado en 1960, e que é un dos referentes do punk no Estado español e Latinoamérica da man de La Polla Records (1979-2003). Actualmente fai parte de Gatillazo.

 

A presenza de quen foi ministro da ditadura de Primo de Rivera, semella saudar a quen por alí pasa dando a entender que Tui segue ancorada nunha época antiga carente de liberdades”, explícase na iniciativa. “É por iso que solicitamos a través de esta petición a sustitución de esta estatua pola dun personaxe moito máis (...) coherente coa época e momento que vivimos: Evaristo Páramos”. Para o responsábel da iniciativa, Evaristo “é merecedor sen algunha dúbida do honor deste recoñecemento pola súa propia cidade natal”.

 

Evaristo naceu en Tui mais criouse desde moi novo en Agurain (Euskal Herria), a onde emigraron os seus pais. Nesta vila alavesa naceu La Polla Records, o grupo que desde as marxes do que se deu en chamar Rock Radical Vasco transformou o punk ibérico. Letras incisivas, sarcásticas e mordaces en pequenas pílulas e para poñer pernas para arriba todo o habido e por haber. Os tres primeiros traballos da banda (Salve, Revolución, No Somos Nada) marcaron un antes e un despois, nunha traxectoria na que sobresaen non poucos traballos, como ‘Donde se habla’ ou ‘Ellos dicen mierda...’. En Galiza tocaron en varias ocasións, especialmente intensos foron o concerto en Osebe no 1986 canda Kortatu ou xa nos 90 na Festa da Queixo de Arzúa.

 

Embora vivir desde novo en Euskal Herria, Evaristo nunca ocultou a pegada galega, todo o contrario: visíbel nas súas confesas declaracións como seareiro do Celta, nas cancións en galego de La Polla (´Demo do can’, ‘E que pasou?`) ou na colaboración con grupos de Galiza, caso de Skacha, por poñer un exemplo. Ademais, ten expresado a súa solidariedade para con independentistas galegos presos, nomeadamente con Roberto R. Fialhega, Teto