A Xunta convoca 2.628 prazas para 61 especialidades de Educación

Exame de oposición decorrido en setembro de 2021 (Foto: Europa Press).
Todo o que precisas saber sobre as prazas, a data dos exames e o procedemento.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría de Educación, Jesús Álvarez Bértolo, presentou na mañá desta sexta feira ás organizacións sindicais na mesa sectorial a oferta de prazas que se van convocar neste ano 2022 para as oposicións de Educación. Serán un total de 2.628 prazas, distribuídas en 61 especialidades, das que máis de 87% son de novo ingreso e as restantes son de promoción interna.

No caso das prazas de novo ingreso, 950 serán para mestres, 1.171 para ensino secundario, 45 para docentes de escolas oficiais de idiomas e 8 para os de artes plásticas e deseño.

No caso da promoción interna, haberá 10 prazas para o acceso ao corpo de inspectores de educación, 298 para acceder ao corpo de profesores de ensino secundario e as outras 2 para o de artes plásticas e deseño.

A convocatoria destas prazas, que acumulan as ofertas de emprego de 2021 (xa aprobada) e 2022 (que se aprobará no próximo Consello da Xunta), publicarase antes de que remate o mes no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Profesorado técnicos de FP

Exceptuaranse desta convocatoria 144 prazas en total correspondentes ás especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP, segundo informou a Xunta, "un corpo que desaparece na nova lei educativa estatal e que deberán agardar á concreción que resulte da publicación da lei de FP por parte do Goberno central, tanto no referido ás especialidades que pasarán ao corpo de profesores de ensino secundario como no que atinxe ao desenvolvemento do corpo de especialistas de sectores singulares da FP. En calquera caso, estas prazas quedarán aprobadas na oferta pública de emprego de educación da Xunta de 2022, para así poder convocalas en canto sexa posible".

Como é normativo, reservarase unha cota de 7% do conxunto para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Procedemento habitual

As probas para estas 2.484 prazas (tendo en conta que as de profesores técnicos de FP aínda non se poden convocar) decorrerán nos meses de xuño e xullo polo procedemento habitual. Deste modo, dáse tranquilidade aos opositores e blíndase a seguridade xurídica do proceso.

Prazas por especialidade

Corpo de mestres e mestras

Para este corpo do funcionariado resérvanse un total de 950 prazas, das que 66 estarían reservadas a persoas con diversidade funcional.

Os postos a cubrir son diferentes, de tal forma que Educación procura 180 prazas para profesorado de infantil -167 de libre acceso-, 55 para docentes de Inglés, 90 para especialistas que poidan impartir clases de Francés e 45 titulados en Educación Física.

Así mesmo, hai unha oferta de 55 postos para mestres de Música e 140 para labores de Pedagoxía terapéutica en centros de todo o país. Un total de 135 persoas poderán conseguir posto como especialistas en Audición e Linguaxe e fican pendentes de outorgar 250 postos de docentes na Educación Primaria.

Profesorado de ensino secundario

No caso das opositoras e opositores á docencia no ensino secundario, poderán presentarse para impartir as materias de Lingua Galega e Literatura (115); Filosofía (45); Latín (5); Lingua Castelá e Literatura (75) e Xeografía e Historia (90).

O maior número de prazas ofértase na especialidade de Matemáticas (136), seguida da de Inglés (125). No entanto, tamén é preciso cubrir 78 vacantes de Física e Química, 72 de Bioloxía e Xeoloxía e 62 de Debuxo.

Ademais de Inglés, a consellaría ofertará 40 postos de profesores de Francés e 4 de Portugués. Igualmente, procuraráse outorgar 8 prazas de Música e 45 de Educación Física.

Na convocatoria haberá oferta para Orientación Educativa (12); Tecnoloxía (60); Administración de Empresas (15); Análise Química e Industrial (5); Asesoría e Procesos de Imaxe Persoal (8); Formación e Orientación Laboral (35); Informática (43) e Organización e Xestión Comercial (20).

O cadro de especialidades continúa, sempre reservando unha parte da oferta a persoas con diversidade funcional, con Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos (10 postos); Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica (6); Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos (7); Procesos Diagnósticos Clínicos e Produtos Ortoprotésicos (7); Procesos Sanitarios (8); Sistemas Electrónicos (16) e Sistemas Electrotécnicos e Automáticos (19).

En total serían 1.171 prazas dispoñíbeis na próxima convocatoria para o ensino secundario na Galiza.

Corpo de profesorado de escolas oficiais de idiomas

As escolas de idiomas dispoñen dun total de 45 vacantes, distribuídas entre os idiomas Alemán (2), Francés (7), Galego (6) e Inglés (30).

Corpo de profesorado de artes plásticas e deseño

A bolsa de prazas da que falou o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría de Educación, Jesús Álvarez Bértolo, tamén ten en conta 8 de artes plásticas, entre as que o sistema educativo galego precisa incorporar 2 profesionais da Conservación e Restauración de Obras Escultóricas. 

Aliás, busca 2 especialistas en Conservación e Restauración de Obras Pictóricas; 2 en Debuxo Técnico; 1 en Deseño de Produto e 1 en Historia da Arte. Neste caso non hai reserva para persoas con diversidade funcional.

Prazas de promoción interna

Corpo de inspectores de educación

A Xunta sacará unha oferta de 10 postos para Inspección Educativa dentro do apartado de promoción interna. 

Acceso do subgrupo A2 ao subgrupo A1: ensino secundario

Neste caso poderase loitar por traballar como docente de Filosofía (12); Latín (1); Lingua Galega e Literatura (28); Lingua Castelá e Literatura (19); Xeografía e Historia (23); Matemáticas (36); Física e Química (21); Bioloxía e Xeoloxía (19) e Debuxo (16).

Tamén están libres Francés (10); Inglés (32); Música (2); Educación Física (12); Orientación Educativa (4); Tecnoloxía (15); Administración de Empresas (4); Formación e Orientación Laboral (9); Informática (11) e Organización e Xestión Comercial (5).

A listaxe feita pública nesta sexta feira continúa con Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos (3 prazas); Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica (2); Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos (2); Procesos Diagnósticos Clínicos e Produtos Ortoprotésicos (2); Procesos Sanitarios (2); Sistemas Electrónicos (4) e Sistemas Electrotécnicos e Automáticos (5).

Suman, en total, 298 prazas para toda a Galiza.

Corpo de profesorado de Artes Plásticas e Deseño

Neste caso en particular, tan só saen a oposición dúas prazas, unha en Deseño de Produto e outra en Historia da Arte.