“O mellor dos escenarios ponnos nunha situación bastante peor que a primeira vaga de marzo, advirten desde os hospitais

Persoal sanitario atende un paciente na UCI (Rober Solsona).

A da Coruña é nestes momentos a área sanitaria que sofre unha maior presión hospitalaria motivada polos efectos da Covid-19. Os novos casos e mais os ingresos dispáranse cada 24 horas. Sen freo. Unha situación que preocupa as persoas profesionais que viven en primeira liña a loita contra a pandemia.

Unha das voces que representan a situación actual é o médico Ignacio Ramil, internista no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, un dos centros onde a Consellaría de Sanidade se viu na obriga de suspender cirurxías non urxentes debido á alta presión hospitalaria.

Cada día, nas súas redes sociais, expón a súa visión a respecto da evolución do virus. “Nunha entrevista en xullo [refírese á publicada en Nós Diario] dixen que a situación de marzo era imposíbel que se volvese repetir. A día de hoxe teño dúbidas serias sobre aquilo”, expresaba a comezos desta semana en Twitter.

Á vista dos últimos datos, e a medida que madura “a foto das proxeccións”, Ramil pon de manifesto que “o mellor dos escenarios ponnos nunha situación bastante peor que a primeira vaga de marzo”. Isto, advirte, “utilizando as porcentaxes máis baixas en todos os campos”.

“Malia que teño a miña opinión persoal sobre as medidas tomadas, imos explicar cara a onde vai a situación nos próximos días: Domingo 17: 3.500 activos; novos casos do 18-24, de 3.000 límite baixo a 5.000”, afirma, en relación ás previsións na área sanitaria da Coruña.

De cumprirse o anterior, o pico da incidencia situaríase, di, entre os 6.000 e os 7.000 casos activos ao redor do 27-28 de xaneiro, “informo dos cálculos, aínda inmaduros, mais é a proxección actual do problema que temos sobre a mesa”.

O internista sinala que só no hospital da Coruña a ocupación máxima de camas estaría en ao redor das 380-420 entre o 8 e o 12 de febreiro. A UCI, di, roldaría 80 críticos só de Covid nesas datas.

Ramil expón as predicións publicamente, a través de Twitter, para que a poboación sexa “consciente do risco a pesar das medidas”. As proxeccións, engade, “contan cun freo que aínda non vexo”.

E as solucións?

“A recomendación sanitaria é clara: confinamento en domicilio. Actividades de alivio ao aire libre programadas, teletraballo, negocios esenciais, educación”, conclúe Ramil.

Luís Vázquez é médico especialista en Análises Clínicas tamén na área sanitaria da Coruña. Cada día debulla a través das súas redes sociais todas as cifras relativas á evolución da Covid-19. Faino desde hai meses. Moito antes de que a Consellaría de Sanidade fixese públicos os datos.

O experto en análises clínicas asegura: “Imos con moito atraso e a situación é moi mala”. Ve como a “única solución eficaz” o “confinamento domiciliario durante 2-3 semanas”, así como o “mantemento só das actividades esenciais e fechamento total do resto”. “Non é unha opinión popular, mais creo que é a mellor solución”, engade.

Pronúnciase na mesma liña o xefe da UCI do CHUAC, David Freire, partidario de “saír da casa só o estritamente necesario como ir ao traballo, ao médico, ao hospital”. “O mínimo imprescindíbel”, di.

En declaracións aos medios no día de onte, o máximo responsábel da unidade de críticos da Coruña advirte de que a actual situación é xa a estas alturas “similar” ou “peor” que a de marzo. “A UCI ten agora unha ocupación na unidade Covid próxima ao 75%”, informa, “todos os días ingresa algún paciente novo, até dous ou tres, mesmo catro”.

Tamén ingresan en críticos pacientes “máis novos” e algúns “sen patoloxía previa”. Fai un chamamento á concienciación social: "É importante ter todo isto en conta xa que se non a pandemia vai poder connosco".