Estanse a realizar obras ilegais nas Illas Cíes? Denuncian varias actuacións irregulares

Illas Cíes. (Foto: Nós Diario)
A pasada semana foi denunciada a tripulación de dous iates que estaban a celebrar unha festa con música a un volume elevado na contorna natural das illas.

As Illas Cíes, como parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, conta cun réxime de protección particular, en especial no que se refire ás actuacións humanas na súa contorna. Esta regulación tamén se aplica ás vivendas familiares construídas no seu solo.

Porén, o Concello de Vigo viuse obrigado a denunciar ante a oficina de disciplina urbanística varias obras realizadas nestes domicilios e que presuntamente non contaban coas licenzas correspondentes, polo que foron levadas a cabo de maneira irregular.

Así llo trasladou a Comisión de Transparencia da Galiza, despois de que unha cidadá reclamase ante a falta de respostas do Concello de Vigo a unha petición de información por varios traballos que se estaban a levar a cabo na illa de Faro.

Após recibir este requirimento da Comisión de Transparencia, o Concello cotexou nos arquivos municipais e no sistema informático se estas obras contaban cos permisos necesarios, constatando que “non consta a ampliación” de dous dos inmóbeis que foron notificados por esta cidadá, que se sumou ás denuncias que outro veciño de Vigo realizou no propio Concello.

Festas en iates

Esta noticia chega despois de que a pasada semana, a Garda Civil e o servizo marítimo tivesen que intervir ante unha festa que decorreu en dous iates situados na contorna das Illas Cíes e na que participou, entre outros, o xefe da Policía Local de Porriño.

Neste sentido, foron as queixas de varios visitantes das illas as que puxeron sobre aviso os servizos de vixilancia, xa que as dúas embarcacións estaban a reproducir música nun volume moi elevado. A regulación do Parque Nacional das Illas Atlánticas recolle “a emisión de ruídos que perturben a fauna” como infracción.

A Garda Civil desprazou unha lancha patrulleira até onde estaban os iates, pero ao chegar alí, non puideron constatar que soase música a un volume elevado. Porén, varias persoas que estaban na praia da illa de San Martiño, a máis próxima ás embarcacións, aseguraron que os tripulantes apagaron a música ao ver achegarse as autoridades.

Os axentes pediron aos participantes da festa que reducisen o volume da música, algo que, segundo aseguraron os visitantes da illa, non fixeron, xa que ao marchar a Garda Civil volveron elevar o volume da música. De feito, a reiteración desta conduta fixo que se presentase unha denuncia contra as persoas que ían nos iates, notificou Medio Ambiente.