DESAFIUZADAS TRES FAMILIAS VIGUESAS

"Están a facer un mundo horríbel no que vivir"

[Imaxe Os Ninguéns]

Isabel Fernández entrega as chaves da súa vivenda e irá para unha pensión á espera dunha vivenda social.

Foi unha das persoas que mantivo a greve de fame diante do Concello de Vigo polo dereito a vivenda e desde hoxe fica sen casa após ser desafiuzada do seu domicilio xunto co seu fillo de 15 anos. 

Isabel percibe como únicos ingresos unha pensión alimentaria para o seu fillo de 15 anos

Isabel Fernández percibe como ingresos unicamente unha pensión alimentar. Ten solicitada unha Risga mais até o de agora non lle foi tramitada. Sen alternativa habitacional dirixirase a unha hospedaxe os próximos días á espera dunha "solución" por parte da administración. Dos custes deste aloxamento farase cargo o goberno municipal mais este non procurará unha nova morada que, en todo caso, facilitaría a Xunta como xa aconteceu con Ricardo Méndez cuxa familia accedeu a unha vivenda social en Salvaterra

Non somos un caso anecdótico, isto pasa constantemente

En declaracións recollidas por Europa Press, Isabel Fernández asegura que "están a facer un mundo horríbel no que vivir" para denunciar a continuación o feito de que na cidade hai "moitísmos pisos da Sareb" sobre os que "a Xunta vai facendo negociacións a contagotas". Para alén, das vivendas propiedade do concello que non se están a mobilizar como alternativa habitacional. 

Isabel Fernández lembrou que o vindeiro 19 de maio será desafiuzada Merchi, outra das persoas que mantiveron a greve de fame. Así as cousas, aseguran que continuarán "loitando" e preparan novas accións xunto con colectivos sociais de Vigo pois, sinalan, "non somos un caso anecdótico, isto está a pasar constantemente".