"Estamos pechad@s para que se nos escoite e denunciar que cada vez máis persoas quedan excluídas"

ODS-Coia, a Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca (PAH), o Grupo de Axitación Social (GAS) e o Colectivo Imán desenvolven un encerramento de 12 horas na Parroquia do Cristo da Vitoria (Vigo). Conversamos con Ana Belén e Pili, dúas das participantes nesta xornada. 

Arredor de 40 persoas participaron nas primeiras horas do fechamento convocado por distintos movementos sociais da cidade de Vigo. A Oficina de Dereitos Sociais do barrio de Coia, a Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca (PAH), o Grupo de Axitación Social (GAS) e o Colectivo Imán, organizan esta "xornada de convivencia e reflexión" que visa pór o foco da atención pública na situación que atravesan milleiros de familias viguesas, mais tamén en todo o país. 

"Denunciamos o empobrecemento de cada vez máis persoas" que están a ficar "excluídas", sinala en conversa con Sermos Galiza, Ana Belén, integrande de ODS-Coia. "A situación é cada vez peor", explica. E é que este colectivo que ofrece axuda ás persoas do barrio obreiro de Coia coñece de primeira man a realidade que están a viver centos de familias. "Desde non poder facer fronte ás necesidades básicas por non teren ingresos ou seren insuficientes" até "non poder afrontar o día a día con dignidade", subliña.

Ana Belén (ODS-Coia): "Hai moitas familias que non poden facer fronte ás necesidades básicas por non teren ingresos ou seren insuficientes"

Á beira da exclusión e sen dereito a unha vivenda 
O desemprego e a escaseza das axudas sociais están a deixar á beira da exclusión a centos de familias polo que urxen ás administracións "a dar unha resposta necesiaria" a esta situación. Con este obxectivo, o fechamento conta cun amplo programa de actividades dirixido a informar á cidadanía sobre os seus dereitos. Mais tamén arredor de dúas das grandes loitas desdes colectivos: a defensa da Renda Básica das Iguais e do dereito á vivenda. 

Pili é integrante da PAH en Vigo. Coñece centos de casos de persoas que están a piques de ficar sen morada. "A situación é horrorosa", narra, "mais o 2014 preséntase pior" pois serán moitas as familias que fiquen sen unha vivenda após caducaren os acordos de re-financiamento negociados pol@s prexudicad@s con axuda da propia PAH. Para paliaren este drama desde a Plataforma contan cunha "obra social", un servizo de apoio e axuda co que conseguiron paralizar os despexos de dúas veciñas de Vigo, Analia e Remedios. "Estes dous están solucionados", conta Pili, "mais en Vigo poden ser milleiros os casos e temos que os solucionar todos". 

Perante a inacción do Concello e a Xunta que non se están a responsabilizar daquelas persoas sen recursos que non poden pagar o aluguer ou a hipoteca, desde a PAH están a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular a prol da creación dun "parque de vivendas de aluguer social" que sexa nutrido con aquelas moradas que actualmente se atopan en propiedade do SAREB --a entidade pública creada polo Goberno español para xerir os inmóbeis propiedade das entidades financeiras resgatadas.

Pobreza enerxética?: "Coñezo nenos que se duchan en auga fría"
"Aquí fechada atópase unha muller de 59 anos que o 5 de marzo vai ficar sen casa", explica Pili, "nós non podemos ir un por un, é un cansazo, as administracións teñen que volcarse con esta xente e dar solución a todos os casos". Para esta activista, a principal causa da realidade actual "é que non temos traballo, se tivesemos ingresos ninguén deixaría de pagar" o aluguer, a luz ou a hipoteca, acrecenta. 

Pili (PAH): "O problema é que non hai traballo, se tiver ingresos, a xente non deixaría de pagar a luz ou a hipoteca"

"Coñezo nenos que se duchan en auga fía", após as súas familiar vérense incapaces de facer fronte á factura da luz. Inquirida a respeito da posición do Partido Popular en relación á pobreza enerxética, Pili é taxativa: "o do PP é para facerlle unha enciclopedia, como poden dicer que non a que a xente teña auga?", pergúntase. E é que o grupo que apoia o goberno rexeitou en múltiples ocasións --a última esta mesma semana-- adoptar medidas para paliar a pobreza enerxética asumindo os custos da electricidade e a auga á fin de evitar que numerosas familiar fiquen sen servizos básicos como a calefacción ou a auga quente. 

"Estou nunha igrexa", explica Pili, "mais non son crente", porén "non podo entender como quen se din católicos poden ter tan pouca caridade"; quixera, expresa, "que desde o PP visitaran a esta xente". 

E como facer fronte ao problema?
"O problema é que non hai traballo", reitera esta activista da PAH. Con ingresos suficientes para enfrontar o día a día, moitas destas historias rematarían. Aí se insire a ILP a prol da Renda Básica das Iguais, defendida tamén polos colectivos organizadores do fechamento. "O noso obxectivo é que máis alá das rendas que existen e que son insficientes, como a RISGA", explica Ana Belén, de ODS-Coia, "falemos do dereito a ter ingresos para facer fronte ás necesidades básicas". 

A respeito da axuda que actualmente mantén a Xunta, a Renda de Inserción Social de Galiza (RISGA), Ana Belén é clara: "é unha renda de miseria xa antes da reforma" que conta "cuns criterios que exclúen a boa parte da poboación". Neste senso, o que demandan é unha renda á que todas as persoas teñan dereito polo feito de seren persoas e coa que artellaren "unha ferramenta contra a exclusión social". 

De se aprobar esta proposta, indica Pli, "axudaríase a resolver todo". 

Imaxes de arquivo: Axluar, Galiza Contrainfo e Aequistres