DíA DA PATRIA GALEGA

"Estamos nun momento en que todos tomamos conciencia de novo"

[Imaxe O.R.]

Conversamos con Xana García, unha das manifestantes desde 25 de xullo. 

 

Camiña a rentes da faixa da Escola A Semente, un proxecto educativo popular que quixo sumarse á convocatoria unitaria deste Día da Patria galega 2015. Xana García está acompañada da súa crianza e, ambas as dúas, avanzan polas rúas de Compostela entre berros que claman polos dereitos nacionais de Galiza. 

"Sempre viñen", sinala mentres lembra as primeiras ocasións da man da súa familia. Após ter sido nai e dalgúns anos sen se mobilizar o 25 xullo recoñece que esas lembranzas a motivan de novo a saír. Iso e que "estamos" inmers@s nun contexto político no que "tomamos de novo concienca da importancia política". 

Por que dicidiches vir á manifestación do 25 de xullo?
Sempre viñen. É case coma unha tradición. Xa me levaban meus pais desde ben pequena. Logo, houbo algúns anos que deixei de vir. Un pouco por deixadez. Agora que teño un neno pequeno, dunha banda é como que volvo lembrar aqueles primeiros anos en que eran meus pais os que me levaban a min. Aliás, coido que estamos nun momento en que todos tomamos conciencia de novo da importancia da política, non só a nivel institucional senón tamén individual e de base. Esas serían as principais razóns. 

Animou a fórmula elixida este ano para a convocatoria?
Tamén, si. Mais coido que este ano tería vido igualmente. Fose cal fose. Mais, si, ese foi un activo, un punto a favor máis. 

Vés na faixa da Escola A Semente. Esta é unha data para se mobilizar tamén polo ensino? Fai parte esta das reivindicacións do Día da Patria?
Debería selo, claro, é un factor importantísimo dentro da política. 

Se tiveses que sintetizar nun par os motivos para se mobilizar nunha data coma esta...
Estou pensando sobre a marcha... Todos os días hai unha chea de motivos polos que saír á rúa. Cada vez máis. Teño saído moitas veces pola economía, por unha lei, por tal outra. Este é un día para saír por nós propias, polos dereitos de Galiza como nación. Que non se perdan a nosa lingua e a nosa cultura. Isto tamén merece unha data específica de reivindicación.