Estafad@s polo calote das preferentes advirten que "haberá guerra"

Aseguran que de non se derrogar a quita, que califican de "expolio", non saben o que acontecerá, após anunciar o FROB que se lles imporá unha perda de até o 43% dos seus aforros. "A quita é unha barbaridade e o canxe unha estafa", denuncian

 

A fraude das participacións preferentes e subordinadas pasa a se converter nun "expolio". Quen así fala son @s afectadas pola estafa destes produtos financeiros. Milleiros de persoas que após veren os seus aforros bloqueados polas entidades financeiras --nomeadamente NGB-- deberán facer fronte a unha quita que esvaecerá perto da metade dos seus aforros. 

"Se esta é a mellor solución que atoparon, vaia goberno!"

Porén, as plataformas de afectad@s --que convocaron unha mobilización para mañá sábado en Pontevedra-- advertiron aos gobernos español e galego que "haberá guerra" de non se derrogar a quita formalizada esta sexta feira. "Fixeron a trampa mais armarase a de Deus", aseverou en declaracións a Europa Press Argimiro Martínez desde a comarca do Baixo Miño. As vítimas deste calote aseguran sentírense "enganados" e advirten que "vai pasar algo moi gordo" se non se lles devolve a totalidade dos seus fondos.

"Fixeron a trampa mais armarase a de Deus!"

A dramática situación económica que atravesan moitas das familias estafadas está a facer ferver as plataformas que veñen desenvolvendo numerosas accións desde comezos de ano. Peches en casas consistoriais ou ocupacións de plenos municipais son o día a día de milleiros de persoas por todo o país que exixen a recuperación íntegran dos seus aforros. 

"Se esta é a mellor solución que atoparon" aseveran retrucando as verbas do ministro de Economía "vaia goberno!". Aliás, aseguran que mañá asistirán ao Congreso do PP en Silleda --cuxo emprazamento foi mudado perante as posíbeis protestas-- mais advirten "haberá cristo todos os días" pois " a xente está moi queimada".