O PP vota nas deputacións a prol da devolución íntegra dos aforros a estafad@s polas preferentes

Tamén o fixo así o voceiro do PSdeG-PSOE na deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, quen foi vicepresidente de Caixa Galicia e membro do consello de administración de Novacaixagalicia. Plataformas de afectad@s protestaron nos plenos nos gobernos da Coruña e Pontevedra para rexeitar a quita


O PP vota nas deputacións a prol da devolución íntegra dos aforros a estafad@s polas preferentes. Tamén o fixo así o voceiro do PSdeG-PSOE na deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, quen foi vicepresidente de Caixa Galicia e membro do consello de administración de Novacaixagalicia.

Así as cousas, afectad@s pola comercialización de preferentes e subordinadas protagonizaron esta sexta feira os plenos das deputacións da Coruña e Pontevedra. Ambas accións, de corte pacífico, realizáronse co gallo do debate de mocións respecto da quita que o Goberno español negociou con Bruxelas, aceptando que parte do rescate de Novagalicia Banco recaese sobre @s aforrador@s, que serán accionistas á forza da entidade nacionalizada.

Así as cousas, máis de cen afectad@s presenciaron o pleno da Deputación da Coruña e aplaudiron a aprobación por unanimidade dúas mocións presentadas por PP e BNG que sufriron modificacións ao longo do debate. "Consideramos que a nosa presencia era importante para apoiar" os dous textos, cunha acción que estivou apoiada polas plataformas de afectad@s da Coruña e das Rías Altas.

A formación nacionalista pedía na súa moción a devolución íntegra dos aforros sen quta e a derrogación do real decreto de reestruturación e resolución de entidades de crédito, imposto polo Goberno español. O apoio unánime conseguiuno o BNG após retirar unha mención a "pequenos inversores", tal e como explicou a este xornal a voceira da plataforma coruñesa Ana Cedeira, subliñando que "nós somos todos aforradores".

O PP, obrigado a recuar ao pedir "unha rebaixa" na quita

O diálogo para consensuar a moción presentada polo PP tanto na Deputación da Coruña como na de Pontevedra xirou ao redor da petición "dunha rebaixa" nas porcentaxes das quitas que se contemplan no mencionado decreto. "Nós non lles iamos consentir quita ningunha", recalca Cedeira, polo que o texto final, apoiado tamén por PSOE e BNG, exixe a devolución íntegra dos aforros.

Pola súa banda, Xulio Vicente, voceiro d@s estafad@s no Baixo Miño --que seguen pechad@s nos consellos do Rosal e de Tui-- quéixase tamén de que "a moción é a mesma que aprobaron xa en marzo". Vicente partilla con José Manuel Vázquez, da plataforma de Sanxenxo, a opinión de que "todos estes plenos onde nos dan a razón están moi ben", mais recorda que "levan máis dun ano dándonos a razóns e... u-los nosos aforros?".

Repasando a xurisprudencia europea, que sinala a obriga de declarar nulos todos os contratos se se demostra "unha práctica abusiva", Vicente cadrou con Ana Cedeira na liña de que "non imos aceptar ningunha quita". As dúas plataformas pontevedresas asistiron ao pleno da Deputación que preside Rafael Louzán, onde a acción de protesta tampouco pasou dos apupos.

Para alén dese punto, o PP esqueceu citar á propia Xunta de Galiza na relación de organismos aos que reclamaba resolver todas as reclamacións "até a súa solución definitiva" e pola vía da arbitraxe. No texto definitivo, para alén de implicar o Goberno galego, apélase ao Executivo central, ao Frob, á Comisión europea, ao ministerio de Economía e a Novagalicia Banco.

Moreda, ex-vicepresidente de Caixa Galicia, fala polo PSOE na Coruña

As sesións plenarias desenvolvéronse con algún berro reclamando o diñeiro estafado, mais sen incidentes. Cómpre salientar que, na Coruña, quen defendeu a postura do PSOE foi Salvador Fernández Moreda, ex vicepresidente de Caixa Galicia e membro do consello de administración de Novacaixagalicia, entidade creada após a fusión das caixas.

Ao lle preguntar a Ana Cedeira por este particular, defendeu que, após presentar a súa demisión neste último órgano, en agosto de 2012, "asumiu as súas responsabilidades e achegouse até a plataforma para pedirnos desculpas". Coa intervención realizada no pleno, Cedeira explicou que "quero pensar que tamén el foi enganado". "Evidentemente", dixo, no consello de admistración "sabían que se comercializaba con preferentes, mais confío en que non sabían da mala comercialización" destes produtos.