Estafad@s de Moaña pídenlle ao alcalde que faga algo máis que pecharse canda el@s e dea "unha solución"

Peche no Concello de Moaña [Imaxe: C.R]

Valoran de maneira moi positiva o apoio de José Fervenza (PP) mais consideran que "agora cómpre que sirva para algo". Tamén se revolveron contra a TVG: "para que gravades, se o que vou dicir non o ides publicar?"


O peche que @s afectad@s polas preferentes de Moaña iniciaron na cuarta feira continúa na Casa do Concello co apoio da corporación municipal da cal fan parte PP, BNG e PSOE. 

En contra das imaxes que levan protagonizado nos últimos días alcaldes e edís do PP, saíndo polas fiestras do Concello, chamando pola policía para expulsar dos plenos @s manifestantes ou escoltad@s por un nutrido número de axentes, o rexedor moañés, José Fervenza (PP), decidiu apoiar as protestas e tamén está a facer parte dos encerros.

Así as cousas, en Moaña suspendéronse tres plenos "para se solidarizaren connosco", recorda Humberto Gestido, voceiro da plataforma. A actitude do alcalde e do grupo municipal do PP valóraa de maneira moi positiva, mais insuficiente. 

"Que estea aquí? Moi ben. Agora hai que ver se serve para algo. Nós o que lle reclamamos é que nos dea unha solución para o noso problema", apunta Gestido, quen subliña que "a única solución aberta agora é a da arbitraxe". Reclama, por tanto, "que nos vaian chamando a todos" porque, tal e como levan reivindicando @s estafad@s desde o inicio das mobilizacións, "somos aforradores, non somos inversores". 

A presenza do alcalde levou a que o interese dos medios de comunicación medrase. Porén, a plataforma reparte para tod@s e revolveuse tamén contra a TVG, quen desprazou unha equipa até a casa consistorial para tomar testemuño audiovisual da protesta. Recrimináronlle a manipulación informativa que o ente está a levar a cabo en relación ás manifestacións de afectad@s. Na liña, Humberto Gestido queixo saber "para que ides gravar se o que vou dicir non ides emitilo?" 

Así as cousas, namentres Fervenza sae na imprensa vestido coa camisola amarela da plataforma do Morrazo, reclamando 'Solucións' para @s estafad@s pola venta de participacións preferentes e subordinadas de Novagalicia Banco, Humberto Gestido rexeita a quita do 43% coa que fican ameazad@s e que no noso País suporá un espolio de máis de 400 millóns de euros e convida ao alcalde de Moaña a mover ficha cara a unha solución política para o calote. 

Os rexedores de Cangas e Oia, tamén do lado d@s afectad@s

Na comarca do Morrazo tamén o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, se posicionou do lado das persoas afectadas polo roubo de NGB. Namentres en concellos como Sanxenxo, Ponteareas e Mos os rexedores piden escolta á Garda Civil e en Compostela chaman pola policía para que despexe do pleno (un acto público) manifestantes que reclaman unha solución contra a quita, José Enrique Sotelo (PP) considera que ter asumido que "o deles era un problema moi gordo" o librou dos apupos d@s cangues@s estafad@s. A principios de marzo, Sotelo cancelou tres contas que o Concello tiña nas oficinas de NGB da localidade "para non ser cómplice da estafa".

Pola súa banda, o rexedor de Oia, Alejandro Rodríguez, non asistiu ao congreso provincial do PP de Pontevedra, cuxa ubicación foi mudada a última hora precisamente polo medo ás profestas d@s estafad@s. Rodríguez, que en febreiro manifestou publicamente a súa intención de se dar de baixa do PP canda o conxunto do seu grupo municipal se a Xunta e Madrid non aportan "solucións satisfactorias" e despois convocou unha folga de plenos, mantén a ameazas de marchar. En declaracións á imprensa, explicou a súa ausencia do cónclave conservador: "tiven que arar a finca, aboala e quitar o esterco das cortes".